Cesga e Gradiant alíanse para impulsar proxectos de innovación e captar xuntos fondos europeos para Galicia

2015-02-23
  • O director da Axencia Galega de Innovación e presidente do Cesga, Manuel Varela, resalta que o convenio é “clave para que Galicia acade todo o seu potencial no eido das TIC, impulsando a competitividade das nosas pemes e da nosa industria”
  • Ambos centros se presentarán como unha única entidade, facendo valer a suma das súas capacidades tecnolóxicas e de persoal, ás convocatorias do Horizonte 2020
  • O Cesga porá a disposición de investigadores e tecnólogos de Gradiant o Finisterrae e o Superordenador Virtual Galego, e o centro tecnolóxico abrirá ao Cesga o seu equipamento e infraestrutura de investigación

Santiago, 23 de febreiro de 2015.- O Centro de Supercomputación de Galicia e o centro tecnolóxico Gradiant aliáronse hoxe mediante un convenio que lles permitirá impulsar proxectos innovadores e captar fondos europeos de forma conxunta, un paso que o presidente da Axencia Galega de Innovación e presidente do Cesga, Manuel Varela Rey, salientou como “clave de cara a que Galicia acade todo o seu potencial no eido das TIC, impulsando a competitividade das nosas pemes e da nosa industria”.

De acordo co convenio, asinado por Varela Rey e polo director xeral de Gradiant, David Vázquez Cortizo, o traballo conxunto que aborden ambas entidades estará enmarcado nos retos da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), que mobilizará máis de 1.600 millóns de euros ata 2020, centrándose fundamentalmente na transferencia da tecnoloxía que desenvolvan ao mercado, en apoio das pemes e da industria galegas. Para acadar ese obxectivo, o acordo prevé ferramentas distintas: o desenvolvemento de traballos conxuntos, o intercambio de experiencias, e a cesión de recursos tanto humanos (persoal investigador e tecnólogo) como técnicos.

Así, o Cesga porá a disposición dos especialistas de Gradiant a súa capacidade de cálculo, concretada no superordenador FinisTerrae e o Superordenador Virtual Galego, que serán potenciados nos vindeiros meses co supercomputador Finisterrae 2, que xa ten luz verde opor parte da Xunta e do Ministerio de Economía y Competitividad. Ademais, o Cesga permitirá ao centro tecnolóxico vigués o acceso ás súas capacidades de almacenamento de datos, así como o desenvolvemento e optimización de plataformas de diseminación de datos e produtos, todo a través da rede Recetga (recentemente modernizada) ou abrindo as súas portas aos investigadores de Gradiant.

En senso contrario, Gradiant facilitará ao persoal do Cesga o acceso ao seu equipamento e infraestrutura de investigación, que ten acadado significativos resultados en eidos como o programa Innterconecta, en colaboración con pemes e universidades galegas.

A alianza entre ambos centros se completará cunha iniciativa que pode supoñer amplos beneficios para a I+D+i galega no eido tecnolóxico: a concorrencia conxunta, como unha única entidade, ás convocatorias do programa da Comisión Europea Horizonte 2020, que ten un orzamento de preto de 80.000 millóns de euros para proxectos innovadores ata 2020. Presentándose de forma conxunta, o peso combinado das infraestruturas tecnolóxicas e o persoal de ambos centros, pode ser un factor determinante de cara a acadar o financiamento europeo.

Por último, o acordo asinado hoxe recolle que os centros compartirán a propiedade, dereitos de explotación e desenvolvemento de calquera dos resultados derivados da colaboración, contribuíndo así ao financiamento de ambos.