Feijóo destaca que, ademais do naval, a automoción e o desenvolvemento urbanístico son actualmente sectores nos que Galicia pode canalizar novas vías de colaboración con México

2015-02-15
  • Remarca que a automoción pode ser o nexo de unión entre Galicia e o Estado de Puebla para favorecer intercambios en materia de innovación, de investigación, ou no ámbito das empresas auxiliares do sector do automóbil
  • Lembra que o Goberno mexicano está a dar un forte impulso ao urbanismo e á construción de vivenda pública, así como de equipamentos de abastecemento e saneamento, e isto supón, di, “un nicho de negocio evidente” para as empresas galegas deste eido
  • Asegura que as posibilidades comerciais non abranguen só ao sector da construción, senón aos relativos á consultoría de arquitectura, de enxeñaría, á consultoría e execución de obra en materia de abastecemento e saneamento de auga, ou en materia de eficiencia enerxética.
  • “Estamos, engade, ante un dos grandes motores económicos do México actual”
  • “Ademais do naval, o tema da construción e da enxeñaría forma parte xa dun bloque de relacións bilaterais entre México e Galicia”, abonda

Puebla (México), 15 de febreiro de 2015.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo subliñou onte que, ademais do naval, a automoción e o desenvolvemento urbanístico son actualmente sectores nos que Galicia pode canalizar novas vías de colaboración e investimento conxunto con México. Así o manifestou logo de manter sendas xuntanzas co Gobernador do Estado mexicano de Puebla, Rafael Moreno Valle, e co empresariado local, coas que puxo fin á súa estadía no país norteamericano.

O mandatario galego lembrou que o Goberno mexicano está a dar un forte impulso ao urbanismo e á construción de vivenda pública, así como de equipamentos de abastecemento e saneamento, e isto supón, sen dúbida, dixo, “un nicho de negocio evidente” para as empresas galegas deste eido.

Segundo apuntou, as posibilidades comerciais non abranguen só ao sector da construción, senón aos relativos á consultoría de arquitectura, de enxeñaría, á consultoría e execución de obra en materia de abastecemento e saneamento de auga, ou en materia de eficiencia enerxética. “Estamos, engadiu, ante un dos grandes motores económicos do México actual”.

Nesta liña, destacou a importancia do memorando asinado o pasado venres co secretario de Desenvolvemento Agrario, Territorial e Urbano do Goberno de México (SEDATU), Jorge Carlos Ramírez Marín, que supón que as empresas galegas de consultoría, de arquitectura, de enxeñaría ou de control de calidade “obteñan unha relación máis fluída e máis directa co propio Goberno federal”. “Ademais do naval, o tema da construción e da enxeñaría forma parte xa dun bloque de relacións bilaterais entre México e Galicia”, abondou.

O peso da automoción en Galicia e Puebla

Sobre a súa visita ao Estado mexicano de Puebla, Feijóo considerou que se trata da capital do automóbil dos Estados Unidos de México e é o cuarto Estado máis importante deste país. Ao respecto, precisou que conta cunha factoría de Volkswagen que emprega a máis de 16.000 persoas; e que Audi acaba de tomar a decisión de investir máis de 1.100 millóns de euros e vai a empregar 3.000 persoas.

“Estamos, polo tanto, na capital do automóbil dos Estados Unidos de México, sendo México o terceiro país máis importante de América como construtor de automóbiles. De aí o nexo de unión que queremos establecer con este Estado e con esta cidade de Puebla: intercambios en materia de innovación, en materia de investigación, e tamén no ámbito das empresas auxiliares do sector do automóbil”, salientou.

Así, enmarcou neste obxectivo as xuntanzas que mantivo co gobernador deste Estado, onde habitan máis de 6 millóns de persoas, e con máis de medio cento de empresarios locais dedicados ao sector da construción, das tecnoloxías, da eficiencia enerxética, e da industria agroalimentaria.

Dous encontros, agregou, “nun dos estados de maior pulo económico e de maior investimento en innovación”. “Estou convencido de que este nexo de unión que hoxe establecemos co Goberno do Estado de Puebla será útil para as empresas galegas”, concluíu.

O titular da Xunta asegurou que esta viaxe é unha oportunidade para “restablecer con maior intensidade as relacións co Goberno de Peña Nieto a través dun dos seus ministros”, non só para manter os compromisos no sector naval, senón para iniciar contacto cos gobernadores do país como, neste caso, do Estado de Puebla, onde ten un peso significativo a industria da automoción. Así mesmo, precisou que a súa visita a México responde ao interese por abrir novas posibilidades de negocio en ámbitos como a eficiencia enerxética ou as tecnoloxías da comunicación.

Feijóo finaliza así a súa axenda oficial en México, que continúa en Perú, onde manterá diversos encontros de índole institucional e empresarial.