Xunta e Atiga impulsarán iniciativas conxuntas para o desenvolvemento da Industria 4.0

2015-02-09
  • O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, reuniuse con representantes dos principais centros tecnolóxicos galegos para consensuar a Axenda da Competitividade Industrial
  • No encontro destacouse o papel destes centros no impulso á innovación nos principais sectores da economía galega, contribuíndo así a fixar tecido industrial e á creación de emprego de calidade
  • A Axenda aspira a incrementar o peso da industria galega no PIB en 6,5 puntos ata acadar o 20% no ano 2020 e á creación de 50.000 postos de traballo

Santiago, 9 de febreiro de 2015.- A Xunta e os centros tecnolóxicos galegos a través de Atiga (Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia) impulsarán iniciativas conxuntas para o desenvolvemento da Industria 4.0. Así se destacou no encontro mantido hoxe entre o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, e o director do Igape, Javier Aguilera, cos principais centros tecnolóxicos galegos dentro da rolda de contactos para consensuar a Axenda da Competitividade Industrial- Galicia Industria 4.0, que establece as pautas para modernizar a industria co obxectivo de crear 50.000 novos empregos de calidade durante este período.

Na reunión subliñouse o importante papel que desenvolven os centros tecnolóxicos no impulso á innovación empresarial nos principais sectores da economía galega, contribuíndo á fixación de tecido industrial e á creación de emprego de calidade, polo que será clave o seu papel no desenvolvemento da Industria 4.0 que se busca consolidar en Galicia. Trátase dunha industria composta por fábricas intelixentes, automatizadas, flexibles, interconectadas, sostibles e sociais, que contan con espazos compartidos entre humanos e máquinas, e outorgan máis responsabilidades ás persoas, máis cualificadas e ben formadas, capaces de xestionar eficientemente os novos ámbitos produtivos.

A Axenda suma 60 medidas específicas que se desenvolverán a través de 5 eixos de actuación: factores territoriais de competitividade, persoas e organizacións, crecemento, innovación e mercados. Deste xeito, perséguese incrementar o peso da industria no PIB en 6,5 puntos ata acadar o 20% no ano 2020.

Co desenvolvemento da Axenda, a Xunta aspira a modernizar a industria galega a través da innovación, establecendo novas fórmulas de produción que melloren a súa competitividade, e impulsando a fabricación de produtos diferenciados e de calidade, eido no que o labor dos centros tecnolóxicos será fundamental como canalizadores do coñecemento á empresa.

Para acadar estes retos, a Axenda aposta polo equilibrio entre o reforzo dos sectores tradicionais e o impulso dos emerxentes así como pola diversificación de produtos. Facilitarase ademais a hibridación multisectorial, que supón a interconexión de sectores distintos na procura de aproveitar as sinerxías entre eles para mellorar a súa competitividade no mercado global.

A axenda ten unha clara orientación sectorial co obxectivo tanto de reforzar sectores estratéxicos da economía galega como de impulsar outros emerxentes e de maior valor engadido, como o aeronáutico, o biotecnolóxico ou as TIC.