Economía e Industria converterá mañá a Catedral de Santiago no taboleiro xigante dun concurso científico

2014-12-29
  • A Berenguela será a pantalla de Big Ciencia, unha innovadora actividade de divulgación que, tras o éxito colleitado o ano pasado en cinco cidades galegas, comeza unha segunda xira por Galicia cunha edición especial de Nadal
  • A espectacular iniciativa combina o concepto clásico de xogo de coñecementos coa proxección arquitectónica de gran formato
  • Familias e grupos de amigos poderán poñer a proba os seus coñecementos científicos na Praza de Praterías a partir das sete da tarde

Santiago, 29 de decembro de 2014.- A Catedral de Santiago de Compostela será mañá o taboleiro de xogos de Big Ciencia, o novidoso concurso popular sobre ciencia e innovación impulsado pola Consellería de Economía e Industria que, tras o éxito colleitado o ano pasado en cinco cidades galegas, comeza unha segunda xira por Galicia cunha edición especial de Nadal que terá lugar na Praza de Praterías.

Coñecido por converter as fachadas de emblemáticos edificios en xigantescos taboleiros de xogo, Big Ciencia terá na estrea desta segunda edición un escenario de luxo, ao proxectarse as preguntas e respostas do concurso sobre a Torre Berenguela (ou Torre do Reloxo) da Catedral de Santiago. O xogo comezará ás 19 horas e nel poderán participar todos os composteláns e visitantes que se animen a medir os seus coñecementos fronte a un rival, sen necesidade de inscribirse previamente. O concurso contará coa participación do director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela.

O obxectivo desta actividade é achegar a ciencia e a innovación á cidadanía dun xeito ameno e divertido nas rúas da súa cidade. Trátase dunha acción de divulgación científica que conta cun espectacular e innovador formato, xa que combina en plena rúa o concepto clásico de xogo de coñecementos coa proxección arquitectónica de gran formato.

De xira en primavera

Tras esta primeira parada na capital galega, Big Ciencia percorrerá o resto de Galicia xa en primavera, coa principal novidade de que se celebrará en núcleos de poboación medianos para chegar a novos públicos.

A espectacularidade do concurso radica en que o taboleiro de xogo, no que se proxectarán a grande escala as preguntas e as respostas, será a fachada dun céntrico edificio da vila na que se estea levando a cabo o evento, o que converterá cada acción en única.

Isto será posible grazas ao uso da proxección arquitectónica de gran formato, unha técnica ata o momento reservada a actividades de carácter artístico e que permite a Big Ciencia crear un novo concepto de divulgación científica innovador e de grande impacto visual.

A mecánica do Big Ciencia será moi sinxela co obxectivo de facela accesible para todos os públicos, independentemente do seu nivel de coñecementos e idade. O concurso botará a andar no momento no que dúas persoas se sitúen ante os pulsadores e a xigantesca pantalla. As preguntas serán tipo test e os participantes deberán elixir a resposta correcta de entre catro posibles, contando coa axuda dos espectadores para facelo. Precisamente este comodín do público fomentará a participación de todos os asistentes ao concurso, que como quedou demostrado o ano pasado engancha desde un principio dada a súa axilidade.

Apoio á divulgación

Big Ciencia forma parte da programación de actividades de divulgación científica promovidas pola Consellería de Economía e Industria a través da Axencia Galega de Innovación. Ao longo de todo o curso escolar, a Xunta colabora co Parque Tecnolóxico de Galicia nas Aulas Tecnópole, unha actividade de capacitación en habilidades científicas e innovadoras na que participan alumnos de Secundaria e Bacharelato. Tamén en colaboración con Tecnópole celébrase a Galiciencia, un concurso no que o pasado mes de novembro máis de 60 equipos de todos os ciclos educativos competiron cos seus proxectos de I+D+I.

Entre outras iniciativas, Economía e Industria apoia tamén á Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) na celebración do Día do Científico Galego, que cada ano conmemora a figura dun investigador destacado para difundir o seu legado entre a sociedade.