Economía e Industria mobiliza máis de 43 millóns en proxectos de innovación do sector agro-mar-alimentario

2014-12-02
  • O macrosector concentra un peso moi importante na economía galega e é un dos piares da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia ata 2020
  • A mellora no cultivo de especies acuícolas, o aproveitamento de subprodutos da industria pesqueira e a elaboración de alimentos funcionais con produtos galegos son algúns dos proxectos apoiados pola Xunta
  • Estas iniciativas foron presentadas no foro sobre innovación organizado hoxe por Anfaco-Cecopesca en Vigo

A Consellería de Economía e Industria está a mobilizar máis de 43 millóns de euros a través de proxectos de innovación público-privados no sector agro-mar-alimentario. As máis dunha trintena de iniciativas que empresas e centros tecnolóxicos e de investigación galegos desenvolven, grazas a un investimento público de 22,7 millóns de euros, incrementarán de xeito significativo a competitividade dun sector presente en todos os retos da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), a folla de ruta da innovación galega de aquí ata 2020.

Así o explicou esta mañá a directora da área de centros da Axencia Galega de Innovación, Sonia Pazos, durante a súa intervención na xornada sobre innovación e desenvolvemento tecnolóxico no sector agro-mar-alimentario de Galicia, organizada polo centro tecnolóxico Anfaco-Cecopesca en Vigo. Pazos detallou que estes proxectos están a ser apoiados pola Xunta no marco dos programas Feder-Innterconecta e ConectaPeme, dirixidos a impulsar iniciativas de I+D+I promovidas por consorcios empresariais e cun compoñente importante de transferencia de coñecemento procedente de centros tecnolóxicos e de investigación.

Cinco destes proxectos foron presentados na xornada de hoxe como casos de éxito. Trátase ademais de exemplos de aliñamento cos obxectivos establecidos na RIS3 de Galicia, xa que teñen que ver coa valorización dos recursos do mar, a modernización do sector pesqueiro e da acuicultura, a mellora da competitividade e a eficiencia industrial e a alimentación saudable e segura.

Estes proxectos, nos que Anfaco-Cecopesca participa xunto coas tres universidades galegas e outros centros tecnolóxicos achegando coñecemento ás empresas, buscan mellorar o cultivo de especies como a troita, a ameixa e o berberecho, incluíndo o control das toxinas que lles afectan, e introducir outras novas como o cogombro de mar. No eido industrial, perséguese optimizar o almacenamento e o transporte do peixe refrixerado e conxelado para aumentar a eficiencia enerxética do proceso.

No ámbito da valorización dos subprodutos do mar, outro dos proxectos mellorará o aproveitamento dos desperdicios resultantes do fileteado do peixe. E como exemplo de iniciativa relacionada coa alimentación funcional, presentouse o desenvolvemento dunha liña de productos específicos para persoas que sofren alerxias e intolerancias alimentarias.

Peso económico estratéxico

O macrosector mar-agro-alimentación aglutina un peso económico que o converte en estratéxico para a comunidade. En Galicia traballa máis do 52% das persoas que viven da pesca en toda España, mentres que o 80% da produción acuícola estatal procede de aquí. Polo que respecta ao ámbito da alimentación, emprega a máis de 130.000 persoas e representa máis do 6% da cifra total de negocio de Galicia. Estas cifras correspóndense cun tecido empresarial moi forte e cun elevado grao de actividade de I+D+I, soportado frecuentemente pola oferta tecnolóxica procedente de numerosos grupos de investigación universitarios e centros tecnolóxicos especializados.

Pazos lembrou que a Axencia Galega de Innovación está comprometida con todos os axentes que, como é o caso de Anfaco-Cecopesca, son capaces de contribuír ao incremento da competitividade empresarial a través da transferencia de coñecemento para xerar innovación. Neste contexto, referiuse á aposta que a Xunta está a realizar apoiando o seu novo centro de tecnoloxías avanzadas de investigación para a industria mariña e alimentaria.