Conde destaca á pontevedresa Qubitia como exemplo de emprendemento tecnolóxico galego que atrae investimento internacional

2014-11-18
  • O conselleiro de Economía e Industria visita a sede da compañía, que desenvolve un software que facilita aos particulares e investidores as súas estratexias e lles permite realizar operacións en tempo récord
  • Resalta a capacidade da empresa para “a partir do talento, do coñecemento e das ideas” desenvolver un proxecto que capte e reteña un equipo xove de 20 profesionais altamente cualificados
  • A empresa opera hoxe nas principais bolsas do mundo con clientes en Reino Unido e Estados Unidos
  • A Xunta impulsou os primeiros pasos desta empresa nacida como start up a través de apoios de XesGalicia

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe á compañía pontevedresa Qubitia como “exemplo de emprendemento no eido tecnolóxico” que atrae investimento de todo o mundo. Durante unha visita á sede da empresa, na que estivo acompañado polo delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e polo director de XesGalicia, Juan Cividanes, Conde destacou a traxectoria desta compañía que comezou como unha start up e que, con só tres anos de vida, xa se ten convertido nunha referencia empresarial galega nun ámbito “especialmente complicado como son os sistemas financeiros internacionais”.

Ese éxito responde ao talento e ao produto da firma: por unha parte, a un equipo de 20 traballadores moi xoves e de alta cualificación, e por outra, a un software co que Qubitia está a “democratizar os mercados financeiros”, isto é, facelos accesibles non só aos investidores institucionais senón tamén aos investidores particulares, a través dun software que lles facilita as operacións e que lles permite actuar en tempo récord para maximizar os seus beneficios. O seu traballo ten sido xa premiado en máis dunha decena de ocasións, entre elas a través do premio Emprendedor XXI, que a entidade gañou en Galicia.

Conde destacou a Qubitia como mostra da capacidade galega de, “a partir do talento, do coñecemento e das ideas”, poder desenvolver un proxecto “que sexa capaz de crear emprego, de reter emprego de calidade aquí en Galicia, e de desenvolver un proxecto innovador cunha vocación internacional”.

Esa vocación internacional, subliñou, se concreta nunha “dobre vía: mediante un produto que se está intentando implementar nos mercados internacionais”, con clientes en Londres e Estados Unidos, “e a partir da aposta que investidores internacionais están a facer pola empresa Qubitia”, como o xigante do investimento FX Street. Un apoio financeiro que se sumou ao de institucións como a propia Xunta, que a través de XesGalicia contribuíu ao desenvolvemento do proxecto desde a súa creación.

Este respaldo crecerá grazas á Estratexia de Especialización Intelixente-RIS3, que ten no apoio ao sector TIC un dos seus grandes eixos transversais. Neste senso, a RIS 3 mobilizará 1.600 millóns de euros en proxectos innovadores ata 2020 para acompañar ás empresas TIC de cara a seguir investindo en tecnoloxía e mellorando os seus procesos, avanzando na súa internacionalización, e impulsando a contratación de talento.