A Xunta apoia un proxecto innovador liderado pola empresa culinaria para garantir a seguridade alimentaria mediante intelixencia artificial
2026-08-05
O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, subliñou hoxe no Parlamento que a nova Axenda da Competitividade Industrial de Galicia, na que está a traballar a Xunta e que será presentada nas vindeiras semanas, actuará como “folla de ruta” para configurar a “industria galega 4.0”. “Unha industria –explicou-, que estea en sintonía coas esixencias da chamada cuarta revolución industrial, baseada na innovación, a produtividade, a flexibilidade, a conectividade e a sostibilidade”.
“Os obxectivos son ambiciosos: queremos que o peso da industria chegue ao 20% do PIB e crear 50.000 postos de traballo ata o ano 2020”, resaltou Conde. Para acadar estas cifras, apuntou, o Goberno galego traballa tanto no reforzo dos sectores estratéxicos da economía galega, impulsando a “reinvención” da automoción, o naval, a enerxía ou o téxtil, para que sigan a ser competitivos; como na diversificación da actividade industrial cara a “sectores máis dinámicos e de maior valor engadido”.
O conselleiro resaltou que nalgún destes sectores Galicia xa ocupa unha posición destacada, como no caso das TIC ou da biotecnoloxía, e traballa no impulso de “novos sectores de gran potencial” como o aeronáutico, coa creación dun Centro para a Investigación de Avións Non Tripulados na localidade lucense de Rozas, ou a biomasa, cunha estratexia integral que busca a creación dunha nova industria.
Neste contexto, Conde destacou que a Xunta traballa “día a día” ao lado das empresas galegas, acompañándoas na “difícil tarefa de reinventarse” para saír adiante. Un esforzo, dixo, que responde a unha planificación na que se inclúen a Estratexia de Especialización Intelixente – RIS3, a Lei do Emprendemento e a Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega, ás que se lle suma agora a Axenda da Competitividade Industrial.
Esta Axenda, sinalou o titular de Economía e Industria, estase a levar a cabo de modo consensuado co Goberno central, “en sintonía co seu plan de acción”, e atende tamén á Estratexia de Renacemento da Industria para unha Europa Sostible – RISE. Deste xeito, apuntou Conde, a Axenda reforzará a estratexia europea e a española, “dando resposta ás particularidades do tecido industrial galego”.
Para isto, proseguiu, Galicia está a apostar xa polos novos procesos industriais e a formación do capital humano, a creación de cadeas de valor completas en Galicia e o impulso da innovación en procesos e produtos nas empresas galegas. “Este Goberno confía nas capacidades da nosa industria e o seu potencial para adaptarse aos retos do futuro e converterse en fábricas intelixentes”, explicou.