Galicia e Norte de Portugal lanzan o proceso para elaborar unha RIS3 conxunta

2014-10-24

A Comisión Europea está a impulsar a cooperación transfronteiriza no ámbito das estratexias de especialización intelixente, co obxectivo de acadar instrumentos de apoio á innovación máis eficaces e de maior alcance. Neste contexto, o próximo 7 de novembro terá lugar no Parador de Baiona o I Foro Anual RIS3 de Galicia – Rexión Norte de Portugal, no que se presentará o proceso de elaboración da Estratexia de Especialización Intelixente RIS3 conxunta para a Eurorrexión.

Tras a aprobación das súas respectivas RIS3 e no ámbito dunha longa traxectoria de colaboración, Galicia e a Rexión Norte de Portugal acordaron arrincar co proceso participativo para a elaboración dunha Estratexia RIS3 conxunta. O obxectivo desta RIS3 transfronteiriza é definir un marco de colaboración para dar unha resposta coordinada a desafíos comúns, mobilizar novas iniciativas e proxectos e facilitar a captación de fontes de financiamento específicas.

Aquelas persoas e/ou entidades interesadas poden atopar o programa provisional e o formulario de inscrición nesta ligazón.

Coincidindo con este foro, a Plataforma S3 da Comisión Europea e GAIN están a organizar un peer review workshop entre rexións europeas, que se celebrará o día 6 en Baiona. Este encontro, restrinxido a rexións, representantes da Comisión Europea e expertos académicos, estará centrado na cooperación transfronteiriza en investigación e innovación no marco da especialización intelixente das rexións. Nel presentaranse as experiencias europeas máis salientables de cooperación transfronteiriza e discutiranse, de forma conxunta entre as rexións participantes, diferentes iniciativas de cooperación, entre elas o caso de Galicia e a Rexión Norte. As rexións interesadas poderán inscribirse nesta ligazón