Conde salienta que o almacenamento de enerxía é unha oportunidade clave para o futuro da industria galega

2014-10-22
  • O conselleiro de Economía e Industria participou na xornada “O almacenamento da electricidade”, coa que a Fundación Gas Natural Fenosa analizou o potencial destes avances para Galicia
  • Salienta o respaldo da Xunta ás investigacións neste campo a través das unidades mixtas de innovación
  • Resalta que un impulso a este eido permitiría ademais reducir a dependencia enerxética galega, reforzar o transporte limpo e acadar unha electricidade máis barata

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe os avances tecnolóxicos no almacenamento de enerxía como unha “oportunidade competitiva clave” para o futuro da industria galega. “O almacenamento de enerxía non é só unha revolución para o noso sistema enerxético, senón unha oportunidade competitiva de primeira magnitude para definir o noso futuro industrial”, afirmou.

Conde participou na xornada O almacenamento da electricidade, organizado pola Fundación Gas Natural Fenosa, onde se compartiron os últimos avances técnicos neste eido. O conselleiro resaltou que de acadarse un sistema eficaz, rendible e viable, Galicia acadaría vantaxes como “reducir a nosa dependencia enerxética, impulsar os transportes limpos e conseguir unha electricidade máis barata”, apuntou.

Como resposta a ese reto, incidiu, a Xunta está a traballar en dous sentidos: o apoio público á innovación, e a busca e facilidades ao investimento privado para apoiar estas iniciativas. No primeiro dos ámbitos, salientou, a consellería vén de poñer en marcha os programa de unidades mixtas de investigación, “cos que unimos os nosos mellores centros tecnolóxicos con empresas punteiras do seu sector”. Delas, dúas están relacionadas co almacenamento enerxético, e mobilizarán máis de 4 millóns de euros: nunha participa precisamente o anfitrión da xornada, Gas Natural Fenosa, xunto a EnergyLab, impulsando o desenvolvemento de proxectos para investigar procesos e servizos relacionados co gas natural e biometano en mobilidade marítima e agraria.

“Non é o noso único esforzo innovador no ámbito do almacenamento enerxético: a través da supercomputación do CESGA estamos presentes en varias iniciativas en ámbitos como os hidrocarburos ou os novos materiais”. Neste senso, apuntou Conde, a consellería está, a través do Cesga, a axudar a pemes galegas como Texas Controls a mellorar o almacenamento de gases e líquidos a altas presións que instala en refinarías, gasodutos e instalacións petroquímicas de todo o mundo. “E prestamos soporte ao Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial na súa busca de novos materiais e tecnoloxías para a xeración e almacenamento de enerxía”, subliñou.

Conde ligou o futuro da innovación galega neste campo á Estratexia de Especialización Intelixente, que mobilizará 1.600 millóns de euros en proxectos innovadores ata 2020, dos que parte están dirixidos a innovar en novos materiais e nanotecnoloxía para mellorar os sistemas de almacenamento enerxético.

Apoio ao investimento

Xunto á innovación, Conde salientou a importancia do investimento público-privado como clave para impulsar os proxectos empresariais neste sector.

Para incorporar esas tecnoloxías á industria a crear novas empresas á partir destes avances, Conde resaltou o compromiso da Xunta. “Estamos a poñer en marcha a nosa Axenda da Competitividade Industrial de Galicia 2020, especialmente centrada na enerxía”, dixo o conselleiro, que subliñou o respaldo ao financiamento das empresas enerxéticas a través de instrumentos como o Galicia Inviste ou os préstamos Jeremie, e o respaldo institucional e financeiro a proxectos estratéxicos do sector en Galicia, tanto da propia Gas Natural Fenosa como de empresas como Reganosa e a súa consolidación como un núcleo de almacenamento de GNL.