O presidente da Xunta salienta a aposta da Xunta polo sector aeronáutico, ao que pon como exemplo da innovación e da internacionalización a seguir pola economía galega nos vindeiros anos

2014-09-05
  • Reivindica o seu carácter estratéxico e lembra a vontade do Executivo autonómico para facer de Galicia unha potencia nesta materia
  • Destaca a importancia da diversificación da nosa economía, que lle permite participar nos sectores máis punteiros e innovadores
  • Sitúa a loita contra o paro como o gran obxectivo do Goberno no momento actual

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe a aposta do Executivo galego polo sector aeronáutico, ao que puxo como exemplo do camiño a seguir pola economía galega nos próximos anos, baseado na innovación e a internacionalización. O mandatario autonómico participou no acto de inauguración de Delta Carbon Fiber Technologies, que tivo lugar esta mañá na sede de Delta en Vigo.

Durante a súa intervención, Feijóo reivindicou o carácter estratéxico do sector aeronáutico e amosou a vontade do Executivo para crear un gran polo na Comunidade, que faga de Galicia unha potencia nesta materia: “reforzando o noso apoio ao Consorcio Aeronáutico Galego a través do Aimen; estreitando a colaboración coa Zona Franca para que sirva de incubadora das empresas aeronáuticas; buscando, na medida das nosas posibilidades, investimentos internacionais para Galicia, é dicir, que empresas foráneas se instalen na Comunidade; e continuando co noso compromiso coa certificación de calidade no sector”.

Feijóo quixo recalcar que esta aposta pola aeronáutica non é illada, senón que se enmarca nun proceso de diversificación da nosa economía. “Creación dun polo do sector aeronáutico en Galicia, que se une ao sector da automoción, ao sector naval, ao sector das TIC; en definitiva, diversificar a nosa economía porque entendemos que é unha das claves para, finalmente, iniciar unha senda de crecemento económico”, subliñou, logo de incidir tamén na aposta pola internacionalización.

Feijóo concluíu afirmando que todo isto ten “un obxectivo fundamental: a creación de emprego”. Nesta liña, lembrou que os datos en Galicia abren un “camiño de esperanza”. “Levamos dez meses consecutivos baixando o desemprego na Comunidade e no mes de xullo e agosto fomos a Comunidade con máis baixada de desemprego en España. Nos últimos doce meses –abundou-, o desemprego en Galicia diminuíu en máis de 20.000 persoas, o que significa que estamos no camiño axeitado para ver a luz ao final deste túnel e empezar unha senda de crecemento sólido”.

Durante a súa intervención, o presidente da Xunta agradeceu o labor de Delta que, coa inauguración da súa nova división Delta Carbon Fiber Technologies, dedicada á achega de solucións tecnolóxicas para a fabricación de composites, conclúe un proceso de I+D+i desenvolvido ao longo de 3 anos e reflectido en catro novas patentes.