GAIN E CDTI INFORMAN SOBRE O PROGRAMA EUROSTARS, DE APOIO A PEMES INTENSIVAS EN I+D

2014-07-10
  • Este programa financia proxectos transnacionais de I+D de consorcios liderados por PEMEs intensivas en coñecemento que supoñan un salto cualitativo na súa posición no mercado

A Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Consellería de Economía e Industria e o Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI) están a organizar a xornada Oportunidades de Financiamento a través do Programa Eurostars, que terá lugar o venres 18 de xullo a partir das 10 horas no CIS Deseño e Tecnoloxía en Ferrol. O obxectivo da xornada é presentar o programa Eurostars un programa de apoio ás PEMEs intensivas en I+D no desenvolvemento de proxectos transnacionais orientados ao mercado.

A xornada está dirixida a PEMEs intensivas en coñecemento, entendendo por tales aquelas empresas con 100 traballadores ou menos que conten con polo menos 5 traballadores a tempo completo dedicados a actividades de I+D+i, dediquen un mínimo dun 10% da equivalencia a tempo completo a actividades de I+D+i ou invistan un mínimo do 10% do seu volume de negocio en actividades de I+D+i. No caso das PEMEs con máis de 100 traballadores, deben ter polo menos 10 persoas dedicadas a tempo completo a actividades de I+D+i, ou dedicar un mínimo dun 10% da equivalencia a tempo completo ou do seu volume de negocio a actividades de I+D+i.

Máis de mil millóns de euros para o periodo 2014-2020

Eurostars conta cun orzamento total de 1.140 millóns de euros para o periodo 2014-2020 procedentes da Comisión Europea e dos países sinatarios do programa. A través deste instrumento financiaranse proxectos de I+D en consorcio liderados por PEMEs intensivas en I+D que representen unha ruptura co estado da arte técnica e un reto comercial tales que permitan a estas empresas dar un salto cualitativo importante na súa posición no mercado.

EUREKA é o organismo executor do Programa, aínda que as entidades beneficiarias reciben as axudas a nivel nacional por medio das axencias financiadoras. En España é o Ministerio de Economía e Competitividade, a través do CDTI, a axencia financiadora.

Inscrición na xornada

Para participar na xornada, tanto presencialmente como a través de videoconferencia dende os puntos habilitados, precísase inscrición a través deste formulario online . Ademais, os asistentes que o desexen poderán manter unha xuntanza bilateral, previa solicitude, tanto cun técnico de CDTI como da Axencia Galega de Innovación (GAIN) para valorar unha posible proposta de proxecto e aclarar dúbidas sobre os instrumentos de apoio á participación galega en proxectos europeos de I+D+i, respectivamente. O programa completo das xornadas, así como os formularios de inscrición, están dispoñibles na seguinte ligazón