Conde salienta Navalia como escenario para tender pontes entre os estaleiros galegos e a industria petrolífera brasileira e abrir oportunidades na explotación do xacemento do pré-sal

2014-05-20
  • O conselleiro de Economía e Industria participou nunha xornada do ICEX sobre as posibilidades de cooperación co país suramericano
  • Resalta que Brasil vai ter “unha demanda importante de embarcacións e de plataformas”, o que abre unha “posibilidade moi importante” para as empresas galegas debido á súa experiencia na construción de plataformas off-shore e buques de exploración

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe durante unha xornada do ICEX, celebrada no marco de Navalia, a capacidade dos estaleiros galegos para aproveitar o impulso da industria petrolífera brasileira. ““Temos que aproveitar as oportunidades” para acadar unha “colaboración moi estreita coa industria do petróleo en Brasil. O desenvolvemento do xacemento pré-sal, que vai xerar unha demanda importante de embarcacións e de plataformas”, abre unha “posibilidade moi importante de colaboración”, dixo Conde, que salientou o escenario de Navalia como marco ideal para tender pontes entre estaleiros e operadores.

Subliñou ademais que Galicia ten amosado a capacidade para esa colaboración “en repetidas ocasións, construíndo avanzados buques de exploración e plataformas off-shore, e esa traxectoria ten sido ratificada por empresas como Pemex”.

Conde salientou a declaración conxunta na que, fai ano e medio, Mariano Rajoy e a presidenta do Brasil, Dilma Roussef, se facía un chamamento á cooperación conxunta entre os estaleiros españois e os operadores brasileiros, e incidiu en que “en nós Brasil pode atopar un socio de confianza”.

Destacou ademais que segundo un recente informe de Price Waterhouse Coopers, o peso da industria petrolífera e gasística sobre o PIB brasileiro se disparará desde o 12% actual a un 20% en 2020. “Entre ambos números non só media un forte investimento, senón unha clara aposta pola innovación. Nesa aposta, España, e Galicia, teñen moito que aportar”, sinalou.

Como vantaxes competitivas dos estaleiros españois e galegos na busca de contratos para facer busques para a industria petrolífera brasileira, Conde citou a experiencia e o desenvolvemento tecnolóxico, así como as perspectivas de un futuro baseado na innovación. E como exemplos dese futuro, incidiu na importancia de programas como o Innterconecta, co que Galicia está levando a cabo experimentos de última xeración no eido do naval, ou a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3), que en Galicia mobilizará o investimento de 1.600 millóns ata 2020 centrados en proxectos innovadores, cun especial foco no naval.

Conde salientou a necesidade de, para completar esa cooperación entre estaleiros e industria brasileira, tender pontes de comercialización entre ambos países. Neste senso, resaltou o “papel esencial” que xoga o ICEX España Exportación e Inversiones, clave na internacionalización da economía española, e destacou a presenza de empresas e asociacións galegas intimamente relacionadas co naval en Brasil, como é o caso de Asime.

É hora, defendeu o conselleiro, de “abrir un novo tempo de colaboración empresarial que permita a ambos países, ás súas empresas e a aos seus traballadores, facer realidade unha visión común de crecemento, de progreso e de emprego”.