Conde salienta a innovación desenvolta por Ibérica de Esponjas Vegetales na produción de novos materiais cara aos sectores cosmético e industrial

2014-03-31
  • O conselleiro de Economía e Industria visitou ás instalacións da xoven empresa en Caldas de Reis, onde cultiva 60 hectáreas de esponxas a partir dun cruce xenético de varias subespecies vexetais, fundamentalmente cabaciña
  • Resalta que ademais do mercado que está a abrir para o uso doméstico, a compañía que xa captou a interese de Europa e o mercado árabe grazas á innovación

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe o potencial innovador nos sectores industrial e cosmético da xoven empresa de Caldas de Reis Ibérica de Esponjas Vegetales, que desenvolve esponxas cultivadas de gran lixeireza e resistencia e traballa para substituír o uso de fibras sintéticas por fibras naturais. Conde visitou as instalacións da empresa, situadas no municipio pontevedrés de Caldas de Reis, onde conta cun centro no que desenvolve os labores de investigación e innovación, e con 60 hectáreas de terreo onde cultiva os seus produtos.

Durante a visita, Conde resaltou que o traballo desta empresa responde aos valores da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3), que persegue unha auténtica transformación de Galicia nos próximos sete anos mediante a mobilización de 1.600 millóns de euros en innovación. Precisamente, un dos tres retos da RIS3 céntrase no aproveitamento dos recursos naturais, incidindo no agro. E así o está a facer Ibérica de Esponjas, resaltou Conde, a través do emprendemento e a innovación.

No primeiro dese eidos, o conselleiro destacou que Ibérica de Esponjas Vegetales “é un exemplo do talento galego” que aposta polo coñecemento para crear “un produto capaz de competir a nivel global”, o que foi recoñecido recentemente co Premio ao Emprendedor Xoven do Ano por parte de AJE Pontevedra. E resaltou que, no ámbito innovador, non só cultiva un produto practicamente inexistente en Europa, senón que ofrece un exemplo de viabilidade empresarial no rural grazas a tres anos de investigación para dar coa esponxa que conte coa mellor fibra mediante cruces xenéticos, que permitiu un produto galego superior ao da competencia.

Esa capacidade lle está a permitir captar o interese de países como Austria, Alemaña ou os mercados árabes, e a Xunta –no marco da súa aposta polo emprendemento e a competitividade empresarial- está a apoiar ese esforzo a través do programa ReAcciona do Igape, que lle ten permitido á compañía contar coa colaboración dun bolseiro especializado.