Conde sinala que o esforzo conxunto de empresas e administración actuará de "panca para a mellora da economía de Vigo e de toda Galicia"

2014-02-11
  • Resalta a importancia da cooperación entre ámbito publico e privado para incrementar a competitividade do tecido produtivo a través da innovación, a internacionalización e o empredemento
  • Destaca que o obxectivo da Xunta é consolidar o tecido produtivo existente e incrementar o peso da industria na Comunidade
  • Subliña o esforzo do Goberno galego para acompañar ás empresas que pasan por dificultades, diminuíndo o risco de 1 millón de euros no pasado Goberno ata os 60.000 euros, o que ten permitido diversificar este risco e chegar a máis pemes
  • Sinala a oportunidade que supón para Vigo a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) que mobilizará en Galicia máis de 1.600 millóns de aquí ao 2020

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe no Club Financeiro de Vigo, durante a xornada de clausura do ciclo de encontros con empresarios galegos celebrado en diferentes cidades galegas no último mes, a importancia de que empresas e administración compartan esforzos que sirvan de “panca para a mellora da economía de Vigo e de toda Galicia”. Neste sentido, Conde salientou a necesidade dunha iniciativa na que participaron máis de 150 empresarios e que permitiu afondar nas estratexias que se están a desenvolver.

Conde, que estivo acompañado pola delegada territorial de Vigo, María José Bravo Bosch, salientou a importancia da cooperación entre o ámbito publico e o privado de cara a incrementar a competitividade do tecido produtivo a través da innovación, a internacionalización e o emprendemento.

“O obxectivo da Xunta é consolidar o tecido produtivo existente e incrementar o peso da industria na Comunidade”, apuntou o conselleiro. Neste sentido, explicou, o Goberno galego ten intensificado os esforzos tanto para a consolidación de novos proxectos empresariais como para acompañar a aquelas empresas que pasan por dificultades. Así, as novas políticas do Igape teñen permitido diminuír o risco de 1 millón de euros no pasado Goberno ata os 60.000 euros actuais, diversificando o mencionado risco e chegando a un maior número de pemes.

No eido da innovación, o titular de Economía e Industria avogou por unha cooperación encamiñada a transferir os resultados da investigación á empresa. “Esta é a base dalgún dos principais programas que temos posto en marcha”, explicou Conde, quen lembrou que a través do Innterconecta estanse a mobilizar 215 millóns de euros na Comunidade en grandes proxectos innovadores mentres que o programa Conecta Peme mobilizará outros 40 millóns de euros.

Este dous programas, apuntou Conde, se encadran dentro da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), que supón unha gran oportunidade para que Vigo consolide a súa aposta pola innovación. Non en van, a través desta Estratexia mobilizaranse en Galicia máis de 1.600 millóns de euros nos vindeiros anos.

“A cooperación non só promove a innovación, senón que facilita ás pemes os seus procesos de internacionalización”, sinalou o conselleiro. Neste campo, destacou o papel da Administración como “axente facilitador” para aquelas empresas que desexen abrirse aos mercados exteriores, axudándoas desde o primeiro diagnóstico sobre as súas capacidades para exportar ou ofrecéndolles apoio sobre o terreo. Unha estratexia para a que xa desde comezos de ano estanse a activar distintos programas de apoio, como o Plan Primex, que mobilizará 6 millóns en proxectos de cooperación empresarial, ou a liña para a contratación de xestores de internacionalización.

Nesta liña de facilitar a actividade empresarial, Conde puxo en valor a nova Lei do Emprendemento de Galicia, que ten por obxectivo “impulsar a actividade emprendedora para que o auténtico emprendedor non o deixe de ser nunca”. Para isto, sinalou, a norma aposta pola simplificación administrativa, coa eliminación das licencias municipais de obra e actividade; achega novos servizos a través da Unidade Galicia Emprende que facilitan a posta en marcha de novos negocios; e ofrece unha serie de incentivos económicos e fiscais para impulsar a actividade.

“Esta lei, xunto co resto de programas de xa activados neste 2014, ofrecen un marco de financiamento que contribúe a paliar as dificultades de crédito actuais”, resaltou Conde. Neste sentido, lembrou que a Consellería ten iniciado o ano con programas de axudas por preto de 45 millóns de euros cos que se aspira a mobilizar máis de 120 millóns en Galicia. Entre estas iniciativas, levadas a cabo polo Igape e a Axencia Galega de Innovación, atópanse programas como o Galicia Inviste –que respalda proxectos de investimento para dinamizar a actividade económica e o emprego-, ou o Galicia Emprende –destinado a apoiar a posta en marcha de novas empresas-.