Economía e Industria achega aos empresarios composteláns o Programa Conecta Peme para impulsar a innovación empresarial

2014-02-03
  • O director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela, presenta esta iniciativa que coa activación de dúas convocatorias en tan só 4 meses sumará 40 millóns de euros de mobilización de investimentos en proxectos de innovación nas pequenas e medianas empresas
  • A través deste programa, aberto á presentación de solicitudes ata o vindeiro 14 de febreiro, cofináncianse proxectos de colaboración de entre 3 e 6 empresas e, polo menos, un centro de coñecemento
  • Na xornada tamén se presentaron outras ferramentas como os bonos de innovación, os apoios para investimentos innovadores e as axudas para o fomento da propiedade industrial

A Axencia Galega de Innovación, dependente da Consellería de Economía e Industria, organizou hoxe unha xornada informativa no Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) en Santiago de Compostela para achegar ás empresas compostelás a segunda edición do programa Conecta Peme, que coa activación de dúas convocatorias en tan só 4 meses sumará 40 millóns de euros de mobilización de investimentos en proxectos de innovación nas pequenas e medianas empresas galegas.

O director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela Rey, salientou durante o encontro que o obxectivo do Conecta Peme é incrementar a capacidade científico-técnica do tecido empresarial galego e fomentar a colaboración público-privada a través do cofinanciamento de proxectos innovadores que fomentan a cooperación. Tralo elevado interese que espertou a primeira convocatoria, que beneficiou máis dun centenar de pemes galegas que están a participar en 30 proxectos consorciados que mobilizan 25 millóns de euros en áreas estratéxicas específicas para pemes, ponse en marcha a segunda convocatoria, dotada con 8 millóns de euros e que mobilizará preto de 15 millóns.

Esta nova edición, cuxo prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 14 de febreiro incentiva, unha vez máis, a innovación aberta para a mellora competitiva das pemes, apoiando iniciativas nas que participan un mínimo de 3 e un máximo de 6 empresas e, polo menos, un centro tecnolóxico ou de investigación. A contratación destes centros debe supoñer un mínimo do 15% do orzamento total do proxecto, o que supón que o programa reserva nesta convocatoria 1,2 millóns de euros da súa dotación ao financiamento de I+D e transferencia de coñecemento aplicado desde estes organismos.

O orzamento das iniciativas será de 600.000 euros en diante, con axudas que, no caso de proxectos de desenvolvemento experimental serán de ata o 60% para as pequenas empresas e de ata o 50% para as medianas, mentres que no caso das iniciativas de investigación industrial as porcentaxes ascenden ata o 80% para as pequenas e o 75% nas medianas empresas.

Investimentos innovadores

Na xornada celebrada en Santiago tamén se presentaron outras ferramentas da Axencia Galega de Innovación ao dispor das pequenas e medianas empresas, como o programa de Investimentos Innovadores para o Crecemento Empresarial que suma 2,5 millóns de euros para a mobilización de 6 millóns en proxectos centrados na mellora das capacidades investigadoras, innovadoras e tecnolóxicas das empresas galegas.

Tamén está aberta a convocatoria de axudas a empresas para o fomento da propiedade industrial, dotada con 250.000 euros. Estes apoios destínanse a a atender os gastos empresariais na tramitación de solicitudes de títulos para a protección de innovacións técnicas (invencións), tales como patentes e modelos de utilidade, e da súa renovación antes as oficinas nacionais, rexionais ou internacionais.

Ademais, a través do fondo i2C Fondo respáldase a creación de empresas capaces de liderar o crecemento en sectores tecnolóxicos concretos, e mediante o programa de bonos de innovación impúlsase a captación de fondos de innovación nacionais e europeos nas pequenas e medianas empresas galegas, dotado con 1,5 millóns de euros para o período 2013-2015.