Economía e Industria pecha a xira do concurso "Big Ciencia" no Muncyt achegando a innovación a centos de coruñeses

2013-12-28
  • A sede do Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía de España (Muncyt) na Coruña foi hoxe escenario desta actividade coa que se achega a innovación á cidadanía combinando o concepto clásico de xogo de coñecementos coa proxección arquitectónica de gran formato
  • Tras celebrarse en Santiago, Lugo, Ourense e Vigo, esta iniciativa de divulgación promovida pola Axencia Galega de Innovación (Gain) e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt) pechou a súa xira na cidade herculina retando os galegos e galegas a poñer a proba os seus coñecementos científicos
  • Os interesados na espectacular tecnoloxía que se utilizou durante o xogo puideron coñecela de preto nun taller práctico celebrado no lugar con anterioridade ao concurso

Numerosos coruñeses déronse cita hoxe na Praza do Museo Nacional para poñer a proba os seus coñecementos científicos en Big Ciencia, un novidoso concurso popular que ao longo deste mes converteu as fachadas de edificios emblemáticos de cinco cidades galegas en xigantescos taboleiros de xogo.

O espectacular e innovador formato desta iniciativa de divulgación científicos atraeu a atención de numerosos cidadáns, xa que combina en plena rúa o concepto clásico de xogo de coñecementos coa proxección arquitectónica de gran formato, o que xerou grande expectación ante o edificio Prisma de Cristal, sede coruñesa do Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía de España (Muncyt), que viu a súa fachada convertida nunha pantalla.

O obxectivo desta actividade, promovida pola Axencia Galega de Innovación (Gain) coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (Fecyt), é sacar a innovación dos laboratorios e dos despachos por unhas horas para que os galegos e galegas convivan con ela dun xeito ameno e divertido. Tras celebrarse o pasado día 11 na Praza do Obradoiro de Santiago, o 14 na Praza de Santa María de Lugo, o 20 na Praza Maior de Ourense e o 21 sobre o Museo MARCO de Vigo, a xira do Big Ciencia pechou hoxe na Coruña.

Cinco preguntas por nivel

Cunha mecánica moi sinxela, e apta por tanto para toda a familia, o concurso de preguntas científicas botou a andar cando os dous primeiros contrincantes se situaron diante dos pulsadores e da gran pantalla na que se converteu a fachada do Muncyt.

¿Quen inventou a pólvora?, ¿cal é a estrela máis próxima á Terra?, ¿quen inventou o futbolín? O máis rápido en apertar o pulsador era o primeiro que tiña a opción de contestar. Mediante preguntas tipo test, o reto para os que se atreveron a medir os seus coñecementos fronte a un rival era elixir a resposta correcta de entre catro posibles, podendo pedir axuda aos espectadores. Precisamente este comodín do público foi o que fomentou a participación de todos os espectadores do concurso, que enganchou aos viandantes desde un principio dada a súa axilidade.

Todas as partidas foron a cinco preguntas e, unha vez finalizado o xogo, o que máis respostas acertaba recibía un pin-distintivo para participar na seguinte fase, xa que o gañador final tivo que superar tres axustadas eliminatorias.

Taller práctico sobre a proxección arquitectónica

Antes do concurso, os interesados na proxección arquitectónica de gran formato puideron achegarse no lugar á tecnoloxía que fai posible Big Ciencia participando nun taller práctico no que aprenderon a facer unha proxección audiovisual como a levada a cabo despois durante o xogo.

As preguntas e respostas do concurso foron proxectadas sobre a sede do Muncyt grazas ao uso desta tecnoloxía, ata o momento reservada a actividades de carácter artístico, o que permitiu a Big Ciencia crear un novo concepto de divulgación científica innovador e de grande impacto visual. Ademais, os asistentes ao workshop que se achegaron cos seus ordenadores levaron gratis para as súas casas o software propio desta tecnoloxía, asociada en Galicia a espectáculos como os fogos do Apóstolo.