Conde salienta a excelencia dos clústers como chave da innovación e a internacionalización de Galicia

2013-11-21
  • O conselleiro de Economía e Industria avanza a implementación de 4,2 millóns en axudas aos clústers durante a entrega dos Premios á Excelencia que concede a Unión Europea
  • Destaca o papel de Ceaga, que recibiu o galardón de ouro, como “símbolo do camiño percorrido por Galicia para crear un dos principais polos da automoción de España”

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe a excelencia dos clústers galegos como chave do crecemento en innovación e exportacións que está a experimentar Galicia. Durante a entrega dos Premios aos Clústers Excelentes que concede a Comisión Europea, Conde resaltou o permanente compromiso do Goberno galego coa cooperación entre empresas, e neste senso avanzou que se está a punto de resolver o programa de axudas de 4,2 millóns aos clústers da comunidade.

Conde resaltou que o recoñecemento aos 9 clúster galegos que hoxe recibiron galardóns é un acicate para esa colaboración público privada, e destacou que “a excelencia é a principal virtude competitiva” que buscan os clústers de Galicia. Na busca de esa excelencia enmárcase a Conferencia sobre Clústers Excelentes ATC4, organizada polo Igape, ao longo da que se levou a cabo ese recoñecemento o labor destas organizacións empresariais.

Aclunaga, o Clúster Audiovisual, Clusaga, o Clúster de la Acuicultura, o Clúster del Granito, o Clúster Textil-Moda, o Clúster TIC e o da Madeira, recibiron “Bronze Labels” das mans de Conde e de representantes da UE. Mentres, o clúster galego da automoción, Ceaga, foi recoñecido o co Premio de Ouro á Excelencia, o que o coloca entre os 22 clústers mellor xestionados da Unión Europea.

“O impulso á innovación, á internacionalización e á excelencia de Ceaga simbolizan o camiño que Galicia percorreu para crear un dos principais polos da automoción en España”, subliñou Conde. Ademais dos clústers galegos, tamén recibiron galardóns polo seu labor centros portugueses, irlandeses, asturianos e cántabros.

Conde destacou como claves no futuro dos clústers galegos a busca de competitividade a través da excelencia e a innovación; a busca de innovación a través da cooperación; e busca de cooperación para consolidar a internacionalización da economía galega.

Neste senso, salientou o papel dos clústers que tenden pontes entre o ámbito público e privado na I+D+i, e o seu apoio á cooperación entre empresas no eido das exportacións, como amosan as iniciativas –ao amparo do Plan Primex da Xunta- de Clusaga e o Clúster do Granito para impulsar plans de cooperación de empresas galegas en Estados Unidos e México.