Expertos en I+D+i de toda España impulsan desde Santiago a investigación na cadea monte-industria

2013-11-14
  • Nun foro organizado pola Xunta en colaboración co Instituto Nacional de Investigación Agraria e Tecnoloxía Alimentaria (INIA)

O secretario xeral de Medio Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, presidiu esta mañá a inauguración do Foro sobre Produción Forestal e Industria da Madeira, que tivo lugar na Escola Galega de Administración Pública. No acto tamén participou o director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela Rey.

A Consellería do Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia e o Instituto Nacional de Investigación Agraria e Tecnoloxía Alimentaria (INIA) organizaron esta xornada coa finalidade de poñer en contacto aos investigadores financiados con fondos públicos e aos responsables de I+D+i do sector empresarial, neste caso a industria da madeira, así como a outros actores senlleiros da innovación na cadea monte-industria (propietarios forestais e Administración Pública).

Como a industria de primeira transformación da madeira ten unha estreita vinculación co monte, as innovacións deben coordinarse entre os diversos axentes actores da cadea de subministro e transformación, para que sexan eficaces e logren un maior valor engadido.

A finalidade destes foros é, polo tanto, múltiple: aliñar os intereses dos equipos de investigación coas iniciativas innovadoras do sector empresarial; fortalecer estes equipos para facelos máis competitivos na captación de recursos e na resolución de problemas ou necesidades; sumar esforzos entre os distintos actores da cadea monte-industria interesados en promover accións de innovación, etc.

O formato destes foros consiste nunhas breves presentacións (aproximadamente duns 10 minutos cada unha) sobre as iniciativas e/ou necesidades de I+D+i dun conxunto de representantes relevantes do sector a nivel estatal, tanto público como empresarial, seguidas dun coloquio no que, unha vez oídas as ditas intervencións, se produza un intercambio de opinións ou puntos de vista sobre as necesidades de innovación no sector de produción e transformación da madeira.

Galicia é unha das principais rexións europeas no que atinxe a produción madeireira. Conta cunha superficie forestal arborada de 1.424.000 hectáreas que alberga un volume global de madeira de 192 millóns de metros cúbicos, e produce arredor de 7 millóns de metros cúbicos anuais, o que representa algo máis da metade da produción estatal. O subsector forestal-madeira ten en Galicia unha relevante contribución ao PIB rexional comparable en proporción aos das principais potencias mundiais do sector (Finlandia, Nova Zelanda, etc).

Só isto xustificaría a realización deste evento estatal en Galicia, pero ademais o momento actual é o propicio, tanto pola conxuntura económica e os novos desafíos que afronta o sector, como porque a partir de 2014 ábrese un novo período nas políticas da UE en I+D+i e desenvolvemento rural, no que se fai un especial fincapé na innovación e na colaboración entre os diversos axentes implicados.

A estratexia 2020 da UE, a constitución da asociación europea da innovación sobre agricultura produtiva e sostible o Plan I2 C e a estratexia de especialización intelixente de Galicia, así como o novo Plan de Desenvolvemento Rural rexional 2014-2020 (en fase de elaboración), son todos fitos que remarcan a importancia da innovación, e concretamente da innovación na cadea monte-industria como paso necesario para asegurar un futuro próspero en Galicia.

Pola súa banda, o director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela Rey, destacou a importancia que a industria forestal terá nos vindeiros anos dentro da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) que vén de elaborar o Goberno galego. Esta estratexia, explicou, mobilizará máis de 1.625 millóns de euros en innovación en Galicia no horizonte 2014-2020, configurándose en torno a tres grandes retos entre os que figura a procura dun novo modelo de xestión de recursos naturais e culturais que persegue a modernización de actividades tradicionais dos sectores primarios galegos. Neste contexto, destacou Varela Rey, no sector forestal abordarase un proceso de modernización encamiñado á obtención de explotacións máis eficientes, innovadoras e rendibles. Así mesmo, impulsarase a obtención de enerxía a partir de recursos autóctonos como a biomasa mediante procesos de diversificación na súa produción.