Feijóo subliña que o Goberno galego está volcado en crear as condicións que lles permitan aos emprendedores do país volver a crear riqueza e emprego e liderar un crecemento forte e sustentable

2013-11-15
  • Pon en valor a Lei do emprendemento que facilita a posta en marcha de novos negocios, o impulso á internacionalización de empresas e produtos e a Estratexia RIS 3 como a guía para estender a innovación a todos os sectores do tecido produtivo
  • Salienta que Vigo, pola importancia estratéxica das súas empresas e polos centros de investigación que acolle, volve perfilarse como forza tractora que impulse o país de novo ao crecemento
  • Salienta que o Executivo está a redobrar esforzos para que os datos esperanzadores “cristalicen nun crecemento sustentable que acade todos os estratos da sociedade e active a panca do emprego, o único indicador válido para falar de recuperación plena”
  • Apunta que as partidas que os Orzamentos de 2014 consignan ao gran hospital público, á depuradora, aos accesos á Plisan ou ao desdobramento do corredor do Morrazo proban o compromiso da Xunta co progreso da comarca olívica
  • Asegura que Carlos Mouriño, como empresario, coñece a importancia de entender os negocios como “unha misión sen fronteiras” e, como presidente do Celta, sabe o que significa “loitar e traballar en Vigo sentindo detrás o apoio e a esperanza de toda Galicia”

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou hoxe que o Goberno galego está volcado en crear as condicións que lle permitan aos emprendedores do país volver a crear riqueza e emprego. Apuntou que nos Orzamentos de 2014 aparece “a primeira luz de esperanza que vemos desde hai anos nunhas contas públicas”, que é a previsión de crecer e de crear emprego, e afirmou que a obriga da Xunta é lograr que iso “cristalice nun crecemento sustentable, que acade todos os estratos da sociedade e active definitivamente a panca de emprego, o único indicador válido para falar de recuperación plena”.

Durante a celebración esta noite do XVI aniversario do Círculo de Empresarios de Galicia-Club Financiero de Vigo, o mandatario autonómico salientou que hai cinco anos a Xunta comprendeu que a mellor contribución que podía facer ao empresariado galego era “dotar as contas públicas da solvencia necesaria para que puidesen operar nun marco de estabilidade e confianza”. Segundo dixo, o resultado é que hoxe esta Comunidade se financia de forma autónoma, cumpre cos obxectivos do déficit e paga aos seus provedores en prazos inferiores aos da media estatal” e, grazas á anticipación, está mellor situada que o resto das autonomías para deixa atrás a crise.

Por ese motivo, o presidente da Xunta cre que chegou o momento de redobrar os esforzos para que as empresas galegas “lideren un novo crecemento económico que sexa forte e sustentable no tempo”.

Referiuse así á Lei do emprendemento que elimina as trabas burocráticas e permite abrir un negocio en 24 horas, que facilita o financiamento de novos proxectos e que establece catro rebaixas fiscais con carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro de 2013. E subliñou, tamén, o impulso á internacionalización de empresas e produtos, o cal deu xa como resultado que as exportacións galegas medrasen no que vai de ano máis dun 10%, ata representar un 37% do PIB, o que nos deixa a só catro puntos de Alemaña.

Na súa intervención, Feijóo destacou que para gañar espazo nun escenario global cada vez máis exixente, a economía galega depende da súa competitividade, e na procura dese obxectivo situou a Estratexia de Especialización Intelixente RIS 3 como a guía para “estender a innovación a todos os sectores do tecido produtivo”.

“Trátase –explicou- de atender aos requirimentos europeos para seguir sendo destinatarios de fondos estruturais, e trátase de mobilizar 1.600 millóns de euros ata 2020 en innovación, en eficiencia enerxética e en competitividade das pemes, mais tamén, na captación de investimentos estranxeiros”.

Vigo como forza tractora para o crecemento

O titular do Goberno galego salientou que nesa folla de ruta, Vigo ocupa un lugar fundamental, tanto pola importancia estratéxica das súas empresas como polo gran número de centros de I+D+i que se asentan na súa comarca. Por eses motivos, afirmou que Vigo volve perfilarse como “forza tractora que ha impulsar o país cara ao novo espazo de crecemento que comezamos a avistar ao lonxe”.

Nese sentido, asegurou que os Orzamentos da Comunidade para 2014 consignan “as partidas necesarias para avanzar e sacar adiante nos prazos previstos os grandes proxectos en marcha” en Vigo. Así salientou as partidas destinadas ao gran hospital público –“o maior e máis moderno de cantos se constrúen en España-, á depuradora, aos accesos da Plisan ou ao inicio do desdobramento do corredor do Morrazo como “exemplos de que o Goberno galego mantén firme o compromiso de contribuír a incrementar a calidade de vida e o progreso desta comarca”.

Feijóo tivo tamén palabras para o recoñecido este ano coa Medalla de Ouro do CFV, Carlos Mouriño, de quen dixo que, como empresario forxado a ambos lados do Atlántico coñece a importancia de entender os negocios “como unha misión global”, ao tempo que, como presidente do Celta, sabe o que significa “loitar e traballar sentindo detrás o apoio e a esperanza de toda Galicia”.