A Xunta mobilizará 150 millóns de euros para atraer investimentos empresariais que xeren emprego

2013-10-30
  • Resalta como ferramentas claves para o impulso á industria o Plan Director de Industria, a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) e os programas de apoio ao financiamento empresarial
  • Conde destacou a RIS3 como clave para o inmediato desenvolvemento do tecido empresarial galego, xa que é requisito para que Galicia capte máis de 2.700 millóns en fondos europeos entre 2014 e 2020, é funcionará como guía para as políticas de innovación galegas nos próximos anos
  • Destaca a necesidade de que esa entrada de capital foráneo complemente a aposta do Goberno galego pola internacionalización das empresas galegas, que tivo como resultado que o 37% do PIB galego se deba ás exportacións, unha cifra moi achegada á de potencias como Alemaña

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe no Parlamento que o Goberno galego porá en marcha un programa de atracción de investimentos que en 2014 contará cunha panca de 30 millóns, que servirán para mobilizar 150 millóns de euros en medidas claras para converter a Galicia nun nodo de comercio e xerar emprego.

Entre as medidas recollidas nos orzamentos para atraer investimentos, a Consellería de Economía e Industria consignará preto de 12 millóns para apoiar grandes investimentos empresariais, 5 millóns para a activación dun novo fondo capital risco destinado a este fin, unha nova liña de 2 millóns de euros para subsidiación de préstamos para grandes investimentos, ou a activación dun novo programa de avais dotado con 7 millóns.

Conde subliñou na Cámara que eses investimentos estranxeiros se sumen aos bos resultados que xa está a ter a aposta da Xunta pola internacionalización das empresas galegas. A boa marcha das exportacións ten acadado, sinalou Conde, que supoñan o 37% do PIB galego, unha cifra moito máis próxima á de potencias exportadoras como Alemaña que á media española.

Defendeu tamén a oportunidade que supón para Galicia a súa situación xeográfica e infraestruturas para que a comunidade se converta na plataforma loxística do sur de Europa. A posición estratéxica dos portos galegos e a rede de infraestruturas de transporte, sumadas á aposta feita pola Xunta en prol das plataformas loxísticas intermodais, fan que Galicia conte con tódolos factores para ser nodo de conexión de mercadorías, especialmente as provenientes do continente americano.

Resaltou ademais que a Xunta manterá en 2014 a aposta polo impulso a esa internacionalización, dedicando 20 millóns en axudas directas ás empresas galegas en todas as fases do proceso exportador, desde o primeiro diagnóstico ata a axuda final sobre o terreo noutros países.

A aposta pola internacionalización e a atracción de investimentos se sumarán o emprendemento e á innovación como eixos claves da política industrial da consellería a medio prazo, sinalou Conde no Parlamento, que destacou como ferramentas clave para impulsar estes ámbitos o Plan Director de Industria, que se presentará no Parlamento proximamente, e a Estratexia de Especialización Intelixente RIS3, ademais de diversas iniciativas de apoio ao financiamento empresarial.

Conde destacou a RIS3 como clave para o inmediato desenvolvemento do tecido empresarial galego, xa que é requisito para que Galicia capte máis de 2.700 millóns en fondos europeos entre 2014 e 2020, é funcionará como guía para as políticas de innovación galegas nos próximos anos.

Eses eixos e ferramentas permitirán, destacou Conde, abordar a redefinición do modelo produtivo galego, un cambio no tecido produtivo que, sinalou o conselleiro, pasa por un impulso ao peso da industria na economía de Galicia.