Economía incrementa o investimento en innovación nun 33% co convencemento de que é un eixo “clave cara o crecemento”

2013-10-25
  • Un de cada tres euros dos orzamentos da Consellería de Economía e Industria destinaranse á innovación, chegando a mobilizar máis de 130 millóns no 2014
  • Mantense a aposta pola internacionalización, cunha partida de 20 millóns de euros, e impúlsase a captación de investimentos con programas que permitirán mobilizar 150 millóns
  • No eido da enerxía impulsarase o sector eólico e poñerase en marcha o Plan de Acción Integral da Biomasa térmica, que xerará unha nova industria creadora de emprego rural e contribuirá á prevención de incendios
  • “A mellor política social que podemos ofrecer é a política do desenvolvemento económico e a creación de emprego”, destaca o conselleiro
  • Salienta que na situación económica actual o obxectivo é trasladar os primeiros datos positivos a nivel macroeconómico á economía das familias e das empresas

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, resaltou hoxe no Parlamento o importante peso da innovación nos orzamentos da Consellería para o ano 2014. Así, Conde subliñou que os presupostos do seu departamento incrementan un 33% o investimento en innovación ata sumar 50 millóns de euros. “Trátase da maior aposta pola innovación e o talento galego dos últimos anos”, subliñou o conselleiro, quen explicou que este esforzo inversor se debe “ao convencemento de que a innovación é clave para o crecemento” e a xeración de emprego.

Unha creación de emprego que, como destacou Conde, se configura como o obxectivo prioritario das contas de 2014 centrando o seu desenvolvemento a través de cinco eixos fundamentais: a propia innovación, vinculada á Estratexia de Especialización Intelixente (RIS 3); o Plan Director de Industria; a Lei do Emprendemento; o Plan de Reactivación do Comercio; e a estratexia de impulso ás enerxías renovables. “O primeiro paso necesario para desenvolver estes cinco eixos pasa por reducir o gasto corrente para incrementar o gasto produtivo”, apuntou, resaltando que o orzamento total consolidado se sitúa nuns 200 millóns de euros, dos que 2 de cada 3 euros son gasto produtivo. “Un enorme esforzo para que a gran maioría de cartos permitan xerar investimentos e emprego”, incidiu.

Neste sentido, Conde subliñou que 1 de cada 3 euros deste gasto produtivo da Consellería se destinará á innovación. Un eido, proseguiu, que contempla tres prioridades: a captación e retención do talento, as pequenas e medianas empresas, e a captación de fondos europeos. Para acadar estes obxectivos, dedicaranse máis fondos á innovación nas empresas e nos centros tecnolóxicos e do coñecemento galegos. Así mesmo, promoveranse outras iniciativas como a segunda edición do Conecta Pemes, que, sumada á deste ano, mobilizará 40 millóns de euros en proxectos innovadores no tecido produtivo galego.

Este esforzo investidor, que permitirá multiplicar case por 3 cada euro destinado á innovación ata mobilizar máis de 130 millóns de euros, terá como clave a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS 3). Esta iniciativa non só permitirá a Galicia obter máis de 2.700 millóns de fondos europeos, senón que “marcará o futuro innovador da Comunidade”. “Trátase dunha verdadeira aposta pola innovación no noso país”, resaltou o conselleiro, da que se poderá sacar o máximo proveito grazas a unha estratexia clara: a transferencia dos resultados ao mercado co obxectivo de mellorar a competitividade e, así, xerar empresas, riqueza e emprego”.

Unha aposta pola dinamización industrial

Esta ambiciosa estratexia de innovación desenvolverase en relación directa co Plan Director de Industria, que establecerá os estímulos e apoios necesarios para incrementar os postos de traballo de calidade asociados aos sectores estratéxicos da economía galega, como o naval e a automoción.

Neste contexto, Conde destacou que o esforzo da industria e dos emprendedores galegos teñen feito que “Galicia non parta dunha mala posición” no camiño da recuperación, como reflicten os seus indicadores macroeconómicos. O IPI da Comunidade amosa unha das mellores tendencias de España; a creación de empresas medrou nun 2,2% de 2012 a 2013; e as cifras de paro rexistrado son un 10% menores que a principios de ano. Indicadores que sitúan a Galicia “no comezo dunha nova etapa”, como amosa o feito de que sexa a segunda comunidade autónoma co maior crecemento do índice de confianza empresarial.

Sobre esta base, afróntase a última etapa de elaboración do Plan Director de Industria, que promoverá a actividade industrial a través dunha decidida aposta pola internacionalización, a atracción de investimentos, e o impulso á mellora da competitividade a través da innovación. Un traballo que se desenvolverá en paralelo ao permanente apoio de Igape e Xesgalicia, que continuarán respaldando proxectos viables con capacidade para xerar riqueza e emprego no tecido empresarial galego.

Así, o titular de Economía e Industria sinalou que os orzamentos de 2014 manteñen o esforzo feito polo Goberno galego en internacionalización, dedicando, ao igual que no 2013, 20 millóns de euros a esta materia. “Facémolo porque cremos no potencial das empresas galegas e porque os datos nos dan a razón”, subliñou o conselleiro, quen destacou que no primeiro semestre as exportacións supuxeron o 37% do PIB de Galicia.

Conde sinalou que a Xunta de Galicia seguirá a acompañar ás empresas no acceso a novos mercados ao tempo que traballa “para que haxa novos investimentos no noso territorio”. Por este motivo, avanzou, a Consellería de Economía e Industria desenvolverá un “completo abano de medidas financeiras destinadas á atracción de investimentos que, cunha panca de preto de 30 millóns de euros, permitirán mobilizar 150 millóns”.

Un servizo integral ao emprendedor

Deste xeito, configúranse unhas contas “realistas e comprometidas co presente e esperanzadoras co futuro”. Neste marco, o proxecto de Lei do Emprendemento e da Competitividade de Galicia permitirá articular no 2014 novas liñas de impulso aos emprendedores. Así, desde o Igape darase un servizo integral de apoio ao emprendedor dotado con 11 millóns que mobilizarán ata 30 millóns de investimento.

A través desta norma, explicou o conselleiro, o Goberno galego traballará na promoción da cultura emprendedora, colaborando co emprendedor na planificación e constitución da súa actividade. Así, suprimiranse as licencias municipais de actividade permitindo aos negocios abrir de forma automática; e crearanse as novas Unidades Galicia Emprende e a primeira rede galega de investidores particulares.

Esta aposta polo emprendemento terá a súa continuidade na actividade comercial, na que o novo Plan de Reactivación previsto ten no emprendemento no comercio un dos seus piares fundamentais. Galicia é a segunda comunidade que máis apoios dedica ao seu comercio; unha tendencia investidora que se manterá fomentando a innovación no comercio ao tempo que se favorecerá o relevo xeneracional para que “os negocios viables e rendibles manteñan as súas portas abertas”.

Para iso, articularase unha liña dotada con 1,3 millóns de euros, que se engloba nun presuposto total de 14,5 millóns para o impulso do comercio galego. Con este investimento, promoverase o asociacionismo comercial, crearase unha rede de mercados excelentes, e proseguirase o labor de cooperación cos centros comerciais abertos e as federacións de comerciantes.

O monte e o vento galegos

O titular de Economía e Industria avanzou que a Xunta de Galicia mantén a súa aposta polo aforro e a eficiencia e as fontes renovables como eixos fundamentais da súa política enerxética. Neste contexto, destinaranse 7 millóns de euros á eficiencia enerxética na procura de incrementar a competitividade dos concellos e as empresas galegas.

Ao mesmo tempo, destacou Conde, apóstase polo “aproveitamento do potencial enerxético naqueles eidos nos que Galicia xa ten mostrado máis condicións”. Así, activarase un Plan de Acción Integral da Biomasa con fins térmicos que permitirá limpar os montes facilitando os labores de prevención de incendios forestais ao tempo que se potencia unha nova industria con especial presenza no rural. “A primeira acción será a aprobación dunha liña de 10 millóns de euros para a implantación de equipos de biomasa térmica coa que pretendemos poñer en marcha 1.000 proxectos que valoricen 18.000 toneladas cada ano”, resaltou.

Esta aposta polos montes galegos complementarase coa actualización do Plan Sectorial Eólico. Para iso axilízanse os prazos dos parques eólicos, e daranse facilidades aos promotores para devolver os megavatios se o desexan, e impulsarase a renovación de instalacións mediante deducións fiscais.

“A mellor política social que podemos ofrecer é a política do desenvolvemento económico e a creación de emprego”, apuntou Conde, que salientou que na situación económica actual o obxectivo é trasladar os primeiros datos positivos a nivel macroeconómico á economía das familias e das empresas. O conselleiro subliñou que os orzamentos da Consellería “suporán un punto de inflexión na economía galega que permitirá consolidar o cambio de tendencia económica”. “Uns orzamentos ambiciosos e eficaces, volcados na innovación, e que serán escalóns cara o crecemento e a xeración de emprego”, concluíu.