Economía e Industria convoca as axudas a empresas para o fomento da propiedade industrial

2013-10-20
  • Destínanse 250.000 euros a apoios para a solicitude de títulos para a protección de innovacións técnicas como patentes e modelos de utilidade
  • O prazo permanecerá aberto ata o 15 de novembro e concederanse axudas do 70% do custo total dos gastos de solicitude
  • O ratio de solicitudes de patentes en Galicia por cada millón de habitantes tense incrementado nun 5% con respecto a 2008

A Consellería de Economía e Industria ven de abrir unha nova convocatoria de axudas a empresas para o fomento da propiedade industrial, dotada con 250.000 euros. Estes apoios destinaranse a atender os gastos empresariais na tramitación de solicitudes de títulos para a protección de innovacións técnicas (invencións), tales como patentes e modelos de utilidade, e da súa renovación ante as oficinas nacionais, rexionais ou internacionais.

As axudas, que cubrirán o 70% dos custos subvencionables, poderán solicitarse ata o vindeiro 15 de novembro. O obxectivo destas subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, é impulsar a protección das innovacións técnicas ou invencións, tanto a nivel nacional como internacional, para garantir a plena explotación dos seus resultados e, deste xeito, contribuír á mellora da competitividade das empresas galegas.

Esta liña de apoio á protección de resultados de I+D+i promovida a través da Axencia Galega de Innovación incide na aposta da Xunta pola valorización do coñecemento orientado ao crecemento empresarial mediante a transferencia de resultados de innovación ao mercado.

As políticas de fomento da propiedade industrial en Galicia, xunto co esforzo das empresas galegas, teñen permitido que o ratio de solicitudes de patentes por cada millón de habitantes se incrementase nun 5% con respecto a 2008.

Mediante a liña de axudas que se abre hoxe as empresas poderán obter financiamento para tramitar as solicitudes de títulos de propiedade industrial sobre invencións, coa posibilidade de imputar todos os gastos derivados dos trámites necesarios para a solicitude, desde as taxas ante as oficinas de propiedade industrial para rexistros novos ata a transformación ou a extensión territorial de títulos existentes.

Tamén se financiará o mantemento dos títulos, incluíndo todos os trámites correspondentes á renovación e posta en explotación de patentes e modelos de utilidade. A suma das subvencións percibidas por un mesmo beneficiario, resultado de ter presentado unha ou varias solicitudes ao abeiro desta convocatoria, non poderá superar os 30.000 euros.