Conde salienta que o Discovery construído por Freire é un exemplo da alta innovación coa que o naval galego seguirá abrindo novos mercados

2013-10-10
  • O conselleiro de Economía e Industria subliña que o oceanográfico realizado no estaleiro vigués, experto en buques con alto valor tecnolóxico, é un dos máis avanzados do mundo
  • Xogará un papel clave nas investigacións do Natural Environment Research Council británico, axudando a entender o papel dos océanos no sistema terrestre
  • Destaca o impulso da Xunta á especialización do naval galego na construción de buques de gran valor engadido e carga tecnolóxica
  • Remarca que o Goberno galego está a traballar man a man co sector para volver colocar a Galicia en posición de cabeza da industria naval

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe en Southampton que o buque oceanográfico RRS Discovery, construído polo estaleiro vigués Freire para o Natural Environment Research Council británico, é “o reflexo da alta tecnoloxía e a innovación” que se desenvolve no naval galego, coa que o sector seguirá a abrir novos mercados.

Conde participou convidado polo presidente de Freire, Jesús Freire, na cerimonia de amadriñamento do buque a cargo da Súa Alteza Real a Princesa Ana celebrada no National Oceanography Centre, que tamén contou coa presenza do ministro británico de Universidades e Ciencia, David Willetts. Destacou o conselleiro que o oceanográfico construído en Vigo está chamado a ser un buque insignia dun dos centros de investigación máis importantes do mundo, sendo o oceanográfico máis grande construído na historia naval da ría viguesa e un dos máis avanzados que existen.

O conselleiro, que salientou a aposta de Freire pola innovación e a enxeñería como piares básicos do seu negocio, sinalou que o Discovery “é a demostración da capacidade do naval galego para a construción de buques de gran valor engadido”. Engadiu Conde que “este saber facer é a mellor carta de presentación do sector” e lembrou que a estratexia do Goberno galego en construción naval pasa polo impulso das capacidades da industria en ámbitos de grande especialización. Ademais, tal e como salientou o conselleiro, a Xunta está a traballar proactivamente man a man co Goberno central, os estaleiros e a industria auxiliar para lograr un marco financeiro estable e volver colocar a Galicia en posición de cabeza neste eido.

Tras competir con empresas de Reino Unido, Italia, Singapur, Holanda, Noruega e Alemaña o Royal Research Ship Discovery foi encargado a Freire, un estaleiro que conta con máis dun século de experiencia e que se ten especializado na construción, reparación e transformación de buques de aceiro cun alto valor tecnolóxico, destacando sobre todo a capacidade para a construción de buques oceanográficos e iates.

O Discovery supuxo un investimento de 90 millóns de euros, ten 100 metros de eslora e 18 de manga e capacidade para 52 persoas. O buque, que conta co distintivo Royal Warrant, un galardón internacional de gran prestixio outorgado pola Raíña Isabel II, está equipado con diferentes laboratorios e dispositivos que permitirán cartografar os fondos mariños, investigar cambios nas correntes e terremotos ou examinar o solo e subsolo mariño.

Ademais, está preparado para a xestión de vehículos submarinos controlados a distancia, unha tecnoloxía cuxo desenvolvemento é considerado estratéxico para o futuro do Reino Unido. Isto permitirá que o buque, que terá como porto base Southampton, xogue un papel fundamental nas investigacións que o Natural Environment Research Council está a desenvolver, axudando a entender o papel dos océanos no sistema terrestre, especialmente en áreas como o cambio climático, a acidificación oceánica ou o impacto humano nos ecosistemas. O antecesor do actual Discovery rematou en 2012 unha traxectoria de 50 anos, e foi a plataforma para algunhas das investigacións mariñas máis importantes desenvolvidas durante ese período.