A Xunta aposta pola investigación sanitaria como motor de competitividade e crecemento económico

2013-10-01
  • Os conselleiros de Economía e Industria, Francisco Conde, e de Sanidade, Rocío Mosquera, asinan un acordo coa Fundación Biomédica do Complexo Hospitalario de Vigo para o desenvolvemento dun programa de I+D+i
  • O compromiso potencia as liñas de investigación da Fundación, incentiva a súa participación en programas europeos de I+D+i, e impulsa a valorización e transferencia do seu labor á empresa privada
  • O convenio encádrase nos contratos-programa da Xunta cos centros de investigación e innovación do Sistema Público de Saúde, que suman 900.000 euros para promover a excelencia científica e a atracción e retención de talento
  • As axudas forman parte dos 4,5 millóns que a Axencia Galega de Innovación destina a contratos-programa cos centros de coñecemento non universitarios

A Xunta de Galicia, na súa aposta por impulsar a transferencia de resultados da investigación á empresa, mellorando deste xeito a competitividade do tecido empresarial galego, está a desenvolver este ano distintos contratos-programa cos centros de coñecemento non universitarios da Comunidade. Neste contexto, os conselleiros de Economía e Industria, Francisco Conde, e de Sanidade, Rocío Mosquera, asinaron hoxe un acordo de colaboración coa Fundación Biomédica do Complexo Hospitalario de Vigo que, cun importe próximo aos 200.000 euros, impulsará as súas actuacións de I+D+i potenciando a investigación sanitaria como motor de competitividade e crecemento económico.

“A sinatura deste acordo permítenos promover unha investigación de excelencia, consolidando o labor da Fundación en diversos eixos de actuación”, explicou Conde. Neste sentido, o conselleiro resaltou a importancia do contrato-programa para potenciar a participación do centro en programas europeos de I+D+i que incrementen a captación de fondos, e para poñer en valor a súa investigación. Deste xeito, impúlsase a transferencia de resultados á empresa privada, garantindo que o traballo desenvolvido pola Fundación repercuta en beneficio da sociedade mediante mellores servizos sanitarios.

Así, a conselleira de Sanidade destacou que as accións concretas previstas para poder levar a cabo políticas activas encamiñadas a potenciar estes eixos estratéxicos “van desde a contratación de investigadores, a intensificación de persoal facultativo para que poidan dedicar unha maior parte do seu tempo á investigación, ata o apoio á preparación e presentación de proxectos europeos e o soporte de accións de valorización dos resultados de investigación”.

Por este motivo, os contratos programa esténdense tamén ao resto de centros da Plataforma de Innovación Sanitaria do Sergas –Fundación de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Ramón Domínguez; Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica; e Fundación Profesor Novoa Santos-, sumando un total de 900.000 euros.

Estes contratos, explicou Conde, reforzan a investigación no eido sanitario como un campo de actuación prioritario, con capacidade para xerar benestar, riqueza e emprego. Así, subliñou o titular de Economía e Industria, impúlsase a innovación sanitaria, potenciando a atracción e retención de talento co obxectivo de consolidar e reforzar as oportunidades que ofrece a fundación aos seus investigadores.

O financiamento destes contratos-programa está ligado á obtención de resultados contrastables que supoñan unha mellora obxectiva da actividade investigadora e innovadora, con especial atención á transferencia de coñecemento. Os contratos-programa implican, a diferencia dos tradicionais convenios de colaboración, o cumprimento de esixentes indicadores de xestión e de resultados por parte de cada fundación para consolidar as súas dotacións. O organismo encargado de controlar e validar estes indicadores é a Axencia Galega de Innovación (GAIN).

Neste eido, Rocío Mosquera quixo salientar “os bos resultados obtidos en anos anteriores polos investigadores vinculados á Fundación Biomédica do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, con dous proxectos europeos concedidos no último ano. Un deles é o Proxecto Biocaps, acadado nunha convocatoria especialmente competitiva, cunha importante traxectoria de proxectos en colaboración con empresas e cunha captación global de recursos externos o pasado ano 2012 de máis de 3 millóns de euros”.

En total, a Consellería de Economía e Industria destinará este ano 4,5 millóns de euros a contratos-programa con centros tecnolóxicos e de investigación galegos e estatais radicados en Galicia, entre os que se atopan as fundacións sanitarias. Este novidoso programa de axudas enmárcase na aplicación da Estratexia Estatal de Innovación en Galicia (e2i), dotada con 35 millóns de euros para actuacións estratéxicas no Sistema Galego de I+D+i. A vinculación dos contratos-programa á e2i supón a blindaxe económica desta liña de actuación ata 2015, aínda que a Xunta ten intención de darlle continuidade máis alá dese exercicio como instrumento estratéxico de apoio á actividade dos centros de coñecemento.

Os contratos-programa terán continuidade en vindeiras anualidades, nas que os indicadores que rexerán a competencia estarán xa aliñados coa Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) que Galicia debe deseñar para ter acceso aos fondos estruturais europeos no período 2014-20. Nesta estratexia quedarán establecidos os sectores e os ámbitos de especialización con maior potencial innovador e de crecemento para Galicia, entre os que a saúde terá unha representación asegurada.