Conde avalía cos reitores das universidades os obxectivos da innovación galega ata 2020 recollidos na RIS3

2013-09-04
  • A Consellería de Economía e Industria remitirá á Comisión Europea a Estratexia de Especialización Intelixente nas próximas semanas
  • A Estratexia marcará o camiño da innovación galega nos vindeiros anos e permitirá que a comunidade reciba 2.000 millóns en Fondos FEDER

O Conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, avaliou hoxe cos reitores das tres universidades galegas os obxectivos da innovación galega ata 2020, que estarán recollidos na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) que a Xunta remitirá nas próximas semanas á Comisión Europea. Os reitores da Universidade da Coruña, Xosé Luis Armesto, da Universidade de Santiago, Juan Casares Long, e o da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, analizaron con Conde os principais eixos do documento, que as universidades contribuíron a elaborar xunto á Consellería e a outros 200 axentes do Sistema Galego de Innovación.

A elaboración da RIS3 é unha condición establecida pola UE para que Galicia capte 2.000 millóns de euros en Fondos FEDER e FSE entre 2014 e 2020, dos que 1.200 millóns dedicaranse a innovación, eficiencia enerxética e apoio á competitividade das pemes. Galicia utilizará a RIS3 como guía para planificar tódalas súas políticas de innovación nos vindeiros anos. De aí a importancia da participación das Universidades na elaboración da Estratexia, un papel que foi clave dado a relevancia destas institucións na investigación galega e na transferencia deses coñecementos ao mercado.

Os fondos europeos suporán ademais unha oportunidade para converter a Galicia nun polo de atracción de científicos e investigadores, que coloquen o tecido produtivo galego á vangarda da tecnoloxía, e destacou o papel que están chamadas a xogar as Universidades, funcionando coma pontes de coñecemento entre a investigación e a empresa.

Para marcar as liñas mestras da Estratexia de Especialización Intelixente, as Universidades sumáronse ao resto de axentes do Sistema Galego de Innovación en varios grupos de traballo. Tras meses de análise, presentaron á Xunta preto de 40 propostas en forma de obxectivos, que a Consellería –a través da Axencia Galega de Innovación- tomou en conta á hora de redactar a versión final da RIS3.

Algúns dos obxectivos propostos polos grupos de traballo nos que participaron as Universidades foron: converter a Galicia nun provedor da industria aeronáutica; desenvolver as tecnoloxías, servizos e loxística da biomasa; aproveitar os residuos e subprodutos do sector agroforestal e a súa industria transformadora; desenvolver novos materiais e aplicar as tecnoloxías emerxentes, como as ciencias de materiais, nanotecnoloxía, nanoeléctrica, biotecnoloxía ou fotónica ás nosas principais industrias tractoras (textil, naval, eólica, agroalimentaria, automoción ou forestal, entre outras); potenciar a comercialización do turismo cultural; aplicar as TIC para favorecer o envellecemento activo, e a innovación en nutrición.

A transferenza do coñecemento entre centros de investigación e empresa será clave no modelo innovador que nacerá da RIS3, e por iso os grupos de traballo tomaron como exemplo máis de 700 casos de empresas galegas que, grazas á I+D+i acadaron o éxito nos seus respectivos sectores.

Todo ese traballo buscará, unha vez rematada a RIS3 e acadados os fondos europeos, que os investigadores galegos teñan unha maneira clara e eficaz de chegar ao mercado, que as PEMES innoven de maneira eficiente e que o capital privado acade un elevado nivel de compromiso investidor en I+D+I.