A Xunta salienta que o o "Conecta Pemes" persegue impulsar a innovación entre as pequenas e medianas empresas galegas

2013-07-29
  • O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, sinala que o novo programa, que mobilizará 25 millóns de euros, priorizará os proxectos levados a cabo en Lugo ao abeiro do “Impulsa”
  • Con esta iniciativa apoiaranse proxectos de entre 600.000 euros e 1,5 millóns compartidos por entre tres e seis compañías e coa participación de polo menos un centro tecnolóxico ou de coñecemento
  • As axudas poden supoñer entre o 50 e o 80% do total dos proxectos
  • Entre as áreas estratéxicas que se considerarán especialmente están varias ligadas ao desenvolvemento empresarial lucense, como a alimentación, a agricultura ou a pesca

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, lembrou hoxe en Lugo que o programa “Conecta Pemes”, que será posto en marcha proximamente a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), permitirá impulsar a innovación entre as pequenas e medianas empresas galegas. Conde, que participou acompañado pola delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, na apertura dunha xornada sobre os diferentes instrumentos de axuda da GAIN, destacou que este programa, que mobilizará 25 millóns de euros, reflicte o especial compromiso da Xunta coa cohesión territorial a través dos plans “Impulsa” e co estímulo á innovación nas provincias do interior, sinalando que os proxectos de Lugo contarán con valoración adicional.

Do mesmo xeito, apuntou que se busca un obxectivo claro: “cooperar para innovar, e innovar para ser máis competitivos”, poñendo a traballar “cóbado con cóbado ao talento lucense e galego coas empresas, e ás empresas coa administración, para acadar un crecemento sostible e a xeración de emprego de calidade”. Neste sentido indicou que a través desta iniciativa se apoiará a mellora das empresas galegas con proxectos innovadores que sexan compartidos por entre tres e seis compañías e que estean apoiadas por polo menos un centro tecnolóxico ou de coñecemento.

O “Conecta Pemes” apoiará proxectos con orzamentos de entre 600.000 euros e 1,5 millóns con axudas que poden supoñer entre o 50 e o 80% do total. O conselleiro de Economía e Industria remarcou que varias das áreas estratéxicas que a Axencia Galega de Innovación considerará especialmente están intimamente ligadas ao desenvolvemento empresarial lucense, como a alimentación, a agricultura ou a pesca. Tamén se impulsarán outras grandes áreas como a saúde, a biotecnoloxía, as TIC, a nanotecnoloxía, a enerxía, o medio ambiente ou o transporte.

Conde enmarcou este plan dentro da estratexia da Xunta “pensada, deseñada, orzamentada e preparada para dar resposta á pregunta de que quere ser Galicia: unha comunidade innovadora, competitiva e próspera” e apuntou que “os programas da Axencia Galega de Innovación son exemplos de que un investimento en coñecemento sempre reporta os mellores beneficios”.

Na xornada celebrada hoxe en Lugo o empresariado tivo ocasión de informarse, ademais do Conecta Pemes, doutros instrumentos da GAIN como o programa de investimentos innovadores, en colaboración co Igape, ou os fondos XesInnova e i2C, xunto con Xesgalicia.