O Innterconecta II mobiliza case 153 millóns de euros en 79 proxectos de innovación galegos

2013-07-16
  • A segunda convocatoria do programa impulsado pola Xunta e o CDTI destina 74,3 millóns de euros a proxectos innovadores nos que participan 281 grupos de investigación e 292 empresas, case o triplo que na primeira edición
  • Foméntase o desenvolvemento de iniciativas que promoven a colaboración público-privada entre as administracións, os sectores produtivos e os axentes de innovación
  • Os resultados poñen de manifesto a crecente importancia da innovación en Galicia, e súmanse aos 61,5 millóns de euros mobilizados en 26 proxectos na primeira convocatoria

A segunda convocatoria do Feder-Innterconecta mobilizará este ano en Galicia preto de 153 millóns de euros a través dun total de 79 proxectos que veñen de ser aprobados. Deste xeito o programa, promovido pola Xunta a través da Axencia Galega de Innovación en colaboración co Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI), contribúe un ano máis ao fomento da innovación na Comunidade, impulsando o avance tecnolóxico e industrial a través do desenvolvemento de proxectos que aportan un elevado valor engadido ao tecido empresarial galego e estimulan a creación de emprego.

Nas 79 iniciativas seleccionadas, que suman apoios por valor de 74,3 millóns de euros, participan 281 grupos de investigación e 292 empresas, o 70% delas pemes, cifra que supón triplicar as acadadas na primeira convocatoria nunha clara mostra do interese das empresas en Galicia por optar a este tipo de fondos tecnolóxicos.

Neste sentido, os proxectos seleccionados contan cun elevado compoñente tecnolóxico así como cun importante potencial de internacionalización, e promoven a colaboración público-privada entre as administracións, os sectores produtivos e os axentes de innovación en beneficio da mellora competitiva do tecido empresarial. Entre os principais áreas atendidas destacan este ano sectores como a automoción, o naval, o agroalimentario ou as tecnoloxías da información e da comunicación.

A achega da Xunta, que aporta un 20% das axudas, permitiu rebaixar de 5 millóns a 1,5 millóns o límite mínimo dos proxectos, dos que tiñan que formar parte cando menos tres empresas de distinto tamaño e contar coa participación, nun mínimo do 15%, de organismos de investigación. Finalmente, o orzamento medio por proxecto situouse en preto dos 2 millóns de euros, cun número medio de 3,7 empresas por iniciativa

As cifras acadas permiten superar o éxito da primeira edición, na que se aprobaron 26 proxectos que implicaron a un total de 106 empresas, mobilizando 61,5 millóns de euros. Entre as dúas convocatorias, o programa Feder-Inntercoecta leva mobilizados en Galicia preto de 215 millóns de euros a través de máis dun cento de proxectos que promoven a innovación en áreas estratéxicas para a Comunidade.