Conde salienta a oportunidade que supón a estratexia de especialización intelixente para consolidar a industria aeronáutica galega

2013-07-12
  • Subliña o papel de Asime e o Consorcio Aeronáutico Galego no impulso ao sector e remarca o traballo das universidades nos eidos da innovación e o deseño
  • Destaca o exemplo de empresas galegas que cooperan para subministrar pezas a provedores de Airbus e Embraer

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou hoxe a oportunidade que suporá para a industria aeronáutica galega a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3), un documento que non só marcará as liñas mestras da economía galega ata 2020, senón que será clave para decidir o destino de máis de 1.200 millóns en fondos estruturais europeos.

Durante o acto de clausura do foro “Situación actual e perspectivas para a industria aeronáutica e aeroespacial”, organizado por Asime e o Consorcio Aeronáutico Galego, Conde sinalou que os grupos de traballo encargados de plasmar sobre o papel a RIS3 propuxeron entre os seus obxectivos dous relacionados co sector: que Galicia se posicione como provedora da industria aeronáutica, e que se convirta nun foco de desenvolvemento de avións non tripulados. Polo tanto, sinalou, a industria aeronáutica estará probablemente incluída no documento final que se envíe a Bruxelas.

A Estratexia de Especialización Intelixente é un documento requirido pola Comisión Europea para o reparto dos 2.000 millóns en Fondos FEDER e FSE que Galicia recibirá entre 2014 e 2020, dos que o 60% se dedicarán a innovación, eficiencia enerxética e apoio ás pemes. Na súa constante busca de consenso, a Xunta está a elaboralo en colaboración con 200 axentes públicos e privados do Sistema Galego de Innovación.

Máis alá da RIS3, a Xunta está a respaldar a consolidación do sector aeronáutico galego apoiando económica e institucionalmente tanto aos clústers, como Asime; aos centros tecnolóxicos, como Aimen; e ás empresas punteiras do sector, como a ourensana Coasa, que desde San Cibrao das Viñas fabrica compoñentes para modelos Airbus como o A330 ou o novo A350.

Conde destacou como caso de éxito o de UDEGA, a Unión de Empresas Galegas de Aeronáutica, oito compañías que acadaron a súa certificación de subministradores co apoio da Xunta, e que recentemente conseguiron un contrato para entrar na rede de provedores de segundo nivel de empresas de referencia: a propia Airbus e a brasileira Embraer.

O conselleiro puxo tamén en valor o papel innovador que está a desenvolver a Universidade, en concreto o Grupo de Mecánica de Estruturas da Universidade da Coruña no ámbito aeronáutico, e a Universidade de Vigo no eido aeroespacial.

Esa unión entre innovación e cooperación para saír a mercados exteriores é o camiño, destacou Conde, para que Galicia gañe a necesaria competitividade e se convirta nun foco da industria aeronáutica.