Conde defende a innovación como chave para que administracións e empresas melloren a eficiencia enerxética galega

2013-07-11
  • Destaca que, no marco da Estratexia de Especialización Intelixente e grazas aos fondos estruturais da Unión Europea, Galicia mobilizará ata o ano 2020 máis de 1.000 millóns de euros en eficiencia enerxética

O Conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe a eficiencia enerxética como un dos grandes retos ecolóxicos e económicos aos que se enfrontan tanto Galicia como o resto de administracións europeas, e fixo un chamamento para que os poderes públicos e as empresas traballen en rede para abordar este desafío. Conde inaugurou as xornadas Green Energy Ports Conference, organizadas pola Autoridade Portuaria de Vigo, e subliñou a innovación como chave para acadar os obxectivos de eficiencia marcados pola estratexia Europa 2020: reducir o consumo de enerxía nun 20% antes de ese ano.

Conde sinalou que, nese reto, os portos deben xogar un papel clave, en tanto que nodos económicos das zonas onde se concentra a maior poboación e produto interior bruto de Galicia. E neste sentido, destacou os avances que a Xunta de Galicia está a realizar na eficiencia enerxética das dársenas que dependen do goberno galego. En concreto, salientou iniciativas como a da Consellería de Mar e Medio Rural, que a través dun plan levado a cabo por Portos de Galicia, acadou unha redución de máis dun 30% no consumo eléctrico das dársenas dependentes da Xunta. Tamén subliñou iniciativas a medio prazo, como un estudio levado a cabo por Inega e Portos de Galicia sobre a instalación de pequenos aeroxeradores nas dársenas galegas, que busca mellorar a eficiencia dos portos e reducir a emisión de dióxido de carbono.

Esas iniciativas se completan cos plans de eficiencia enerxética que a Consellería de Economía e Industria canaliza a través do Inega, que supuxeron un investimento de máis de 60 millóns durante os últimos catro anos, ou o Plan de Aforro e Eficiencia Enerxética da propia administración galega.

Coa vista posta no futuro, Conde subliñou que no marco da Estratexia de Especialización Intelixente que está a elaborar a Consellería, e grazas aos fondos Feder da Unión Europea, Galicia mobilizará 1.000 millóns de euros (entre investimentos públicos e privados) en eficiencia enerxética entre 2014 e 2020. O conselleiro subliñou a importancia desta oportunidade para que Galicia faga eficiente e sostible a súa economía, e destacou que “aqueles países e rexións que lideren a economía verde liderarán a economía do século XXI”.