Conde destaca que Galicia mobilizará 1.000 millóns de euros no ámbito da eficiencia enerxética dentro da Estratexia de Especialización Intelixente

2013-07-09
  • O conselleiro de Economía e Industria visita as instalacións de EnergyLab e salienta a importancia do novo Plan Estratéxico do Centro Tecnolóxico, que se adapta aos obxectivos comunitarios da RIS3
  • Resalta o papel que xa está a desenvolver EnergyLab na transferencia de coñecemento ás empresas en no impulso da colaboración entre o tecido empresarial e os axentes de innovación galegos

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe as instalacións do Centro Tecnolóxico EnergyLab no campus universitario de Vigo, onde coñeceu o novo Plan Estratéxico do Centro para o período 2014-2020. Neste sentido, Conde resaltou a adaptación do plan á Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3), que aspira a mobilizar na Comunidade preto de 1.000 millóns de euros no eido da eficiencia enerxética.

Este documento, que marcará as directrices de inversión do 60% dos Fondos Feder que Galicia recibirá entre 2014 y 2020, ten no aproveitamento dos recursos enerxéticos un dos seus piares fundamentais, incidiu o conselleiro. Esta aposta pola a eficiencia enerxética permitirá acometer actuacións público–privadas que poden chegar a xerar nos vindeiros 7 anos un aforro económico próximo aos 1.400 millóns de euros, evitándose a emisión á atmosfera de case 4 millóns de toneladas de CO2.

O titular de Economía e Industria destacou a importancia de EnergyLab como centro tecnolóxico de referencia no eido da enerxía que conta no seu padroado coa participación de empresas de relevancia internacional así como de importantes organismos públicos do sector enerxético. Unha integración que lle ten permitido impulsar proxectos de relevancia nos que actúa como socio tecnolóxico.

“O centro tecnolóxico como tal resulta un exemplo que integra á administración, ás empresas, e o coñecemento. Integra os tres elementos claves para poder seguir avanzando na innovación”, incidiu Conde.

Neste sentido, proseguiu Conde, EnergyLab está a contribuír ao establecemento de “solucións innovadoras co desenvolvemento de proxectos que poden mellorar a eficiencia enerxética, e cunha clara vocación de transferencia de coñecemento ás empresas”. Así, o centro tecnolóxico participa nestes momentos estudos e proxectos relativos á valorización de residuos, ás masas forestais, ou a aplicación de novos sistemas de propulsión para o transporte marítimo.