Economía e Industria aposta pola cooperación para impulsar a innovación nas pemes galegas

2013-07-05
  • O director xeral do Igape e o director de GAIN participan na clausura do curso da Universidade Corporativa de Ceaga que se desenvolve en Vigo
  • Salientan a existencia dun completo marco de apoios á mellora da competitividade
  • Destacan as bases de axudas aos plans estratéxicos dos clusters, que se publican hoxe, e que están dotadas con 4,2 millóns de euros

A Xunta de Galicia traballa na incorporación da innovación ao tecido empresarial galego co obxectivo de que as empresas poidan mellorar a súa competitividade e internacionalizarse, segundo manifestaron os directores de GAIN, Manuel Antonio Varela, e do Igape, Javier Aguilera Navarro, durante a súa intervención na clausura do curso na Universidade Corporativa do Cluster de Empresas da Automoción de Galicia (Ceaga), que se desenvolveu hoxe en Vigo.

Os directores salientaron que a incorporación de novas habilidades e da innovación ao capital humano das empresas pode ser especialmente eficiente cando se fai a través dos clusters, porque chega a un maior número de empresas.

Neste sentido, salientouse a convocatoria este ano, por primeira vez, dunha liña específica de axudas para estas agrupacións dotada con 4,2 millóns de euros. O programa, que se publica hoxe no DOG, ten como fin facilitar o desenvolvemento de plans estratéxicos para o período 2013-2015, potenciando a capacidade dos clústers para que multipliquen os proxectos de cooperación entre empresas. Neste contexto, púxose como exemplo a experiencia e o labor desenvolvido por Ceaga, con accións apoiadas pola Consellería de Economía e Industria como a propia Universidade Corporativa, que hoxe clausurou o curso coa presentación dos proxectos desenvolvidos.

Os directores sinalaron que a aplicación de rasgos diferenciadores e a aplicación da mellora continua a procesos e produtos é imprescindible para manter a competitividade e para avanzar no ámbito da internacionalización, e lembrou que é un dos obxectivos do Programa ReAcciona, que impulsa o Igape para achegar novas competencias e habilidades a técnicos e xestores das empresas mediante servizos avanzados e implantación de proxectos de mellora.

Neste contexto, cabe salientar a posta en marcha de programas como Innoempresa e as bases para a reorientación e mellora da competitividade, impulsados en coordinación entre o Igape e GAIN, e que buscan facilitar a incorporación de melloras a procesos e produtos e a renovación de maquinarias e equipamentos nas empresas.