Economía e Industria salienta o crecemento da empresa lucense AMSlab grazas á innovación e á internacionalización

2013-06-20
  • O director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela, participou hoxe na inauguración das novas instalacións da compañía, para cuxa ampliación contaron co apoio da Xunta
  • O laboratorio, que ten clientes en mercados como Brasil, Portugal ou Marrocos, pasou de 5 a 50 traballadores en tres anos

O director da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Manuel Varela, participou hoxe na inauguración das novas instalacións da lucense Applied Mass Spectrometry Laboratory S.L. (AMSlab), unha empresa de base tecnolóxica que contou co apoio da Xunta para esta ampliación. O director da GAIN salientou a aposta pola mellora competitiva e a internacionalización deste laboratorio lucense, que ten multiplicado por dez os seus empregados en tres anos, pasando de 5 a 50 traballadores altamente cualificados.

Tal e como subliñou Varela Rey, para este crecemento a empresa apoiouse nos distintos instrumentos postos a disposición das pemes tanto pola GAIN como polo Igape, cos que se respaldou a creación dun novo departamento dedicado a I+D dentro da compañía, e se impulsou a internacionalización da empresa cara a mercados como Brasil, Portugal, ou Marrocos. A empresa lucense ten participado ademais nun dos máis recentes programas de apoio do Igape, C-Teams, deseñado para impulsar a competitividade nas compañías galegas de recente creación.

AMSlab foi promovida en 2008 por 8 socios, 7 doutores en Químicas e a sociedade de capital risco Unirisco SCR, para a realización de análises e ensaios técnicos. A empresa dispón dun laboratorio cos medios necesarios para desenvolver investigacións, experimentos e análises tanto de carácter científico como técnico. Proporciona servizos de análises químicas e de consultaría e asesoramento técnico.