A Xunta impulsa a competitividade das pemes galegas con apoios que mobilizarán 18 millóns

2013-06-17
  • O conselleiro de Economía e Industria reúnese con empresarios galegos que están a mellorar a competitividade das súas compañías
  • Salienta a importancia desta nova liña de apoios que promove a modernización das empresas a través da substitución de maquinarias e equipamentos
  • “Na industria, investimos 6,1 millóns a través da colaboración entre o Igape e a Axencia Galega de Innovación, nunha mostra de cooperación institucional que busca a maior eficiencia e aproveitamento posible dos recursos”, indicou.
  • Destaca tamén o programa Innoempresa, centrado no fomento da competitividade a través de procesos innovadores
  • “Entre ambos programas imos mobilizar 25 millóns de euros na mellora competitiva das pequenas e medianas empresas galegas”, explica

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe un encontro con empresarios galegos no que abordaron a importancia da mellora competitiva do tecido empresarial galego co obxectivo de crecer e xerar emprego. Neste sentido, Conde destacou a apertura dunha nova liña de axudas que busca incrementar a capacidade competitiva das empresas a través do desenvolvemento de melloras tecnolóxicas, e que mobilizará 18 millóns de euros.

Para acadar este obxectivo, salientou Conde ante este grupo de empresas que está a beneficiarse de anteriores edicións do programa, atenderanse dous campos de actuación –industria e servizos-, con apoios que poden chegar ata o 50% do investimento subvencionable. “Na industria, investimos 6,1 millóns a través da colaboración entre o Igape e a Axencia Galega de Innovación, nunha mostra de cooperación institucional que busca a maior eficiencia e aproveitamento posible dos recursos”, explicou o conselleiro. Así, en función da contía do proxecto, as empresas poderán acudir a un ou outro organismo, cubríndose deste xeito o maior número posible de actuacións.

Neste sentido, o Igape destina 3,1 millóns de euros para impulsar proxectos cuxo custo se sitúe entre 300.000 e 500.000 euros, mentres que GAIN suma 3 millóns máis co obxectivo de atender aquelas actuacións comprendidas entre os os 50.000 e os 300.000 euros. En ambos casos, as iniciativas deberán estar encamiñadas á incorporación de equipamentos tecnolóxicos na industria.

“E no tocante ao sector servizos, – proseguiu Conde-, destinamos 1,7 millóns para financiar axudas que melloren os equipos tecnolóxicos, os sistemas de automatización e os de procesamento de datos”. Neste caso, o custo máximo subvencionable situarase entre os 30.000 e os 200.000 euros.

Esta liña de axudas, salientou o conselleiro, complementa ao programa Innoempresa, centrado na mellora competitiva das pemes a través dos procesos innovadores, e cuxo prazo de solicitudes abriuse a semana pasada. “Entre os dous programas –incidiu- mobilizamos 25 millóns de euros na mellora competitiva das pequenas e medianas empresas galegas”.

Nos dous programas teñen preferencia e apoios de especial intensidade os proxectos localizados en Lugo, Ourense, Ferrolterra e Costa da Morte, ao abeiro dos respectivos plans Impulsa, así como os que prevén creación de emprego, especialmente nos colectivos de difícil acceso ao mercado laboral, e os proxectos de cooperación.