A nova Lei de innovación impulsará a competitividade empresarial galega grazas á transferencia do coñecemento

2013-05-28
  • O Parlamento aprobou hoxe a norma que senta as bases para acadar un esforzo en I+D+i do 1,2% do PIB durante a presente lexislatura
  • A nova Lei contribuirá á innovación baseada en necesidades reais dos sectores produtivos promovendo a valorización e a transferencia de resultados desde os centros de coñecemento á empresa

O Parlamento de Galicia aprobou hoxe a Lei de Fomento da Investigación e Innovación de Galicia, coa que se impulsará a competitividade do tecido empresarial galego fomentando a valorización e a transferencia do coñecemento á empresa como un factor de máxima relevancia.

A nova lei dota á comunidade dun marco normativo acorde ao contexto socioeconómico actual e senta as bases para acadar un nivel de gasto en I+D+i equivalente ao 1,2% do Produto Interior Bruto (PIB) ao longo desta lexislatura. Impulsada pola Consellería de Economía e Industria, a Lei establece un novo marco para o fomento da innovación e que esta se poida traducir en transformacións que incidan na competitividade e crecemento socioeconómico para Galicia.

Neste sentido, a norma dalle soporte estable á coordinación e ao impulso dos esforzos destinados a promover unha economía competitiva baseada no coñecemento e un retorno do investimento público que revirta directamente na sociedade.

A nova Lei susbstitúe a aprobada hai xusto vinte anos, o que urxía o establecemento dun marco normativo adaptado a unhas necesidades e retos moi diferentes para o Sistema Galego de Innovación no seu conxunto. Neste sentido, recóllese a necesidade de que os centros de coñecemento e, en particular, a Universidade, combinen o reto de optimizar a excelencia científica da súa investigación básica, que tamén aparece contemplada como un valor de primeira orde para Galicia, con todos os esforzos posibles para propiciar un marco de colaboración coa empresa máis estreito.

O obxectivo final, tal e como se recolle no texto, é un esforzo coordinado entre todos estes axentes para consolidar o posicionamento das empresas e centros galegos no entorno competitivo europeo e internacional, permitindo á vez un cambio no modelo produtivo galego cara outro máis centrado na innovación.

Neste sentido, tamén é importante destacar o esforzo de adaptación ás normativas e recomendacións formuladas a nivel estatal (Ley de la Ciencia, la Tecnología y la Innovación, aprobada en 2011) e europeo (Estratexia Europa 2020).

Estruturas eficientes

A Lei é produto do esforzo da Xunta por establecer o marco legal axeitado para dotar o sistema de estruturas eficientes. Neste sentido, a nova norma introduce e sustenta o papel da Axencia Galega de Innovación como organismo autónomo adscrito á Consellería de Economía e Industria coa misión de apoiar e consolidar o Sistema Galego de I+D+i a través de estratexias e programas de innovación eficientes, á vez que fomenta e vertebra as políticas de innovación nas administracións públicas.

De maneira complementaria á Axencia, contempla a creación do Rexistro de Axentes do Sistema Galego de Investigación e Innovación e do Observatorio Galego de Innovación para agrupar e integrar toda a actividade investigadora e innovadora xestionada con fondos públicos. O Observatorio de Innovación será a ferramenta principal de avaliación e retroalimentación continua das políticas públicas de innovación desenvolvidas en Galicia. Ademais, farase cargo da monitorización da actividade innovadora do conxunto do Sistema Galego de Innovación e das diferentes ramas de actividade económica da comunidade. Pola súa banda, o Rexistro de Axentes terá como cometido apoiar a catalogación e seguimento dos axentes galegos implicados na xeración, difusión e valorización de coñecemento.

Tamén como novidade, a Lei programa a creación do Comité Ético de Investigación Clínica, encargado, entre outras funcións, de realizar o informe previo ao comezo de todo estudo de investigación clínica con medicamentos que se realice no ámbito de Galicia.

Por outra parte, a Lei sustenta o novo Plan Galego de Investigación e Innovación, que estará adaptado ás prioridades establecidas na Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3), que afronta a súa derradeira fase de elaboración co reto de marcar as prioridades das políticas de innovación de Galicia no período 2014-2020.