Conde avoga pola cooperación para que o naval galego recupere o liderado a nivel internacional

2013-05-08
  • Destaca a necesidade de traballar desde a unidade de acción en tres eixos fundamentais: o financiamento, a imaxe comercial internacional e a innovación
  • Resalta a importancia de apostar de maneira decidida pola innovación para que o sector recupere o protagonismo e incremente a súa competitividade

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, avogou hoxe, durante un encontro mantido con representantes da Asociación Clúster do Naval Galego (ACLUNAGA), por traballar de xeito conxunto para trazar unha axenda común que permita ao sector recuperar o liderado a nivel nacional e internacional. Neste sentido, Conde apostou polo “diálogo e a cooperación” para, desde “a unidade de acción”, impulsar tres eixos fundamentais: o financiamento, a imaxe comercial a nivel internacional, e a innovación.

Así, e no tocante ao financiamento, o titular de Economía e Industria destacou o labor desempeñado pola Xunta na pasada lexislatura, que permitiu mobilizar máis de 80 millóns de euros. Un esforzo ao que se lle está a dar continuidade a través de distintas actuacións como o convenio con Pymar, que mobilizará este ano 60 millóns; o impulso para solucionar a problemática do tax-lease; ou o acordo estratéxico con Pemex que desembocou na contratación de dous floteis e na entrada da petroleira nun estaleiro galego.

Unha estratexia de diplomacia comercial internacional, explicou Conde, na que se seguirá traballando nesta lexislatura en colaboración co clúster, co obxectivo de “reforzar a marca do naval galego no exterior”. Para ilo, e segundo avanzou o conselleiro, porase en marcha a elaboración dun caderno de venda que sirva de carta de presentación do sector naval galego no exterior. Ademais, se traballará na identificación de oportunidades de negocio en países estratéxicos como México, Brasil e Colombia.

Así mesmo, Conde resaltou a importancia da innovación para que o sector recupere o protagonismo. “Temos que incrementar a súa competitividade, impulsar a tecnoloxía máis avanzada e ser capaces de ofrecer máis e mellor”, subliñou. Para acadar estes obxectivos, o conselleiro avogou por aproveitar as ferramentas de financiamento dispoñibles, como o programa Innterconecta, no que xa están a participar distintas empresas do naval e que ten en marcha a resolución da súa segunda convocatoria.

Tamén destacou no encontro o papel que xogará o naval galego na estratexia de especialización intelixente, que condicionará a asignación de Fondos Europeos e mobilizará 1.200 millóns de euros no período 14-20.