Economía e Industria plantexa un modelo produtivo centrado na competitividade que garanta o crecemento de Galicia

2013-04-23
  • O conselleiro, Francisco Conde, defende unha estratexia enfocada nos procesos, nas persoas e nunha axeitada planificación, no marco das bases expostas no programa electoral e nas directrices da estratexia 2020 da UE
  • Sinala que o emprendemento é outra das claves da Consellería que activará, a través da nova Lei do Emprendemento, as medidas concretas para chegar a 130.000 emprendedores nos próximos catro anos
  • Seguindo o modelo establecido con Pemex e co fomento da cooperación entre as pequenas e medianas empresas, preténdese impulsar as exportacións galegas así como a captación de investimentos
  • Salienta que a innovación será un dos eixos sobre os que xire a política económica da Xunta co obxectivo de acadar o 1,2 por cento de investimento público en innovación sobre o PIB galego
  • Fomentarase unha economía verde que converta a Galicia en líder no aproveitamento dos recursos de maneira sostible e que potencie a competitividade das nosas empresas por medio do aforro e a eficiencia enerxética
  • Conde fixo ademais unha chamada á importancia da confianza para acadar os retos marcados así como a necesidade de traballar conxuntamente e con responsabilidade para recuperar o dinamismo económico

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, subliñou hoxe no Parlamento que o obxectivo estratéxico do seu departamento para esta lexislatura pasa por “redefinir o modelo produtivo galego” centrándoo na competitividade. “A competitividade é a chave do crecemento, do emprego e do desenvolvemento”, incidiu Conde, quen avogou por non pensar nela como “algo exclusivo do ámbito industrial” senón integrada nunha estratexia enfocada “nos procesos, nas persoas, e nunha axeitada planificación”, no marco das bases expostas no programa electoral e nas directrices da estratexia 2020 da Unión Europea.

“Cando falamos de competitividade falamos, en gran parte, de procesos, procesos ideados e liderados por persoas: o verdadeiro elemento diferencial”, explicou. Neste sentido, o conselleiro sinalou a importancia de contar co mellor capital humano como “garantía de éxito”, motivo polo que o Goberno galego traballa para que as empresas “poidan incorporar o talento” e as persoas “emprender os seus propios proxectos”. E para ilo, afondou, resulta necesaria unha planificación que permita “poñer o foco nas actividades e nos sectores máis competitivos” aportando as ferramentas axeitadas para o seu desenvolvemento.

Sobre esta base, proseguiu, “a nosa máxima durante esta lexislatura será a unidade de acción na procura da competitividade”. “Cinco serán as grandes áreas onde se centrará a estratexia da Consellería: o emprendemento, a internacionalización, a innovación, a economía verde e o comercio”. Unhas áreas que, segundo explicou, articularanse a través dun marco de financiamento que, de forma transversal, propicie o seu desenvolvemento.

No tocante ao emprendemento, Conde lembrou que se está a traballar xa en distintas ferramentas para “aproveitar ao máximo o talento de capital humano de Galicia”. Así, a Lei do Emprendemento configúrase como un documento “útil e eficaz” cuxo proxecto de lei será aprobado polo Consello da Xunta nas próximas semanas.

A través desta norma, o Goberno galego prevé sumar 130.000 novos emprendedores durante a lexislatura. Para ido, impulsarase a rede de mentores, mobilizaranse 15 millóns de euros a través de microcréditos e dun fondo de capital risco, potenciarase a figura do investidor privado e incentivarase fiscalmente o emprendemento. Ademais, co apoio do Igape, establecerase a Unidade Galicia Emprende, que simplificará os trámites administrativos para a formalización de empresas e garantirá o rexistro de novas empresas en menos de 48 horas.

Aposta por saír ao exterior

No eido da internacionalización, o titular de Economía e Industria subliñou que a Consellería centrará a súa acción de goberno en dous eixos fundamentais: “as achegas ás empresas e o desenvolvemento dunha intensa diplomacia comercial segundo o modelo establecido con Pemex”. Sobre esta base, explicou Conde, “avanzaremos cara unha coordinación integral de toda a política de internacionalización”. Unha cooperación que facilitará o impulso das exportación galegas e a captación de investimentos, baseándose para iso en tres axentes fundamentais que xa teñen probada a súa eficacia: a Confederación de Empresarios, ás Cámaras de Comercio e os clústers.

Por outra banda, no tocante á innovación, Conde subliñou que será a nova Axencia Galega de Innovación a encargada de configurar unha estratexia que permita que Galicia sexa máis competitiva. “Para logralo é necesaria a implicación de todos os axentes, unha planificación intelixente, e un novo enfoque eminentemente pragmático con transferencias desde a investigación ás empresas”, incidiu, e apostou porque as empresas e os centros de coñecemento “tomen a iniciativa” sabendo que contarán coas ferramentas necesarias.

Entre estas ferramentas, Conde destacou a Lei de Fomento da Investigación e a Innovación, que xa está en trámite parlamentario, e que aspira a incrementar o investimento público en I+D+i ata acadar o 1,2% do PIB nos próximos catro anos. Unha norma á que cabe sumarlle actuacións concretas como os 12 millóns dos fondos de capital risco Xes Innova e I2C, os 75 millóns do Feder-Innterconecta 2; ou os 35 millóns do convenio E2i.

Aproveitamento sostible dos recursos

“Nesta redefinición do modelo produtivo que queremos propiciar, temos que continuar avanzando cara unha economía verde”, explicou Conde, quen resaltou como principios básicos a eficiencia enerxética e o impulso das enerxías renovables.

Para iso apostarase polo aforro e eficiencia enerxética, habilitando distintos programas e ferramentas como a Unidade de Aforro Eléctrico Local, e impulsaranse ás enerxías renovables. “É coñecido por todos o enorme potencial que ten Galicia na enerxía eólica, polo que seguiremos a traballar na tramitación do concurso eólico e na consecución dun marco estable para un recurso tan importante como o vento galego”, incidiu. Unha tarefa que se completementará co impulso a outras fontes enerxéticas como a biomasa e o biogás.

Así mesmo, o fomento desta economía verde facilitará o aproveitamento dos recursos naturais do subsolo. “Nesta lexislatura revisaremos e melloraremos a Lei de Ordenación do Sector Mineiro e abordaremos unha ordenación mineiro-ambiental a través do Plan Sectorial de Ordenación da Minería de Galicia”, explicou Conde, subliñando que o obxectivo pasa por desenvolver unha minería dinamizadora da economía, segura, sostible ambientalmente, innovadora e xeradora de postos de traballo. “Os proxectos que cumpran estas premisas serán autorizados, e nos que non haxa garantías, seremos os primeiros en non autorizar”.

Apoio a sectores produtivos

Ademais, destacou o peso doutros sectores como a automoción ou o naval. Na automoción, avanzou, manteranse os apoios iniciados na anterior lexislatura, ao tempo que se seguirá a traballar conxuntamente co Clúster Galego da Automoción. E con respecto ao naval, resaltou que a Xunta “tenlle dado un apoio inédito mobilizando máis de 80 millóns durante a pasada lexislatura, reactivando Pymar cun fondo de 60 millóns, investindo en formación ou axilizando a solución do tax-lease”.

No ámbito do comercio, o titular de Economía e Industria apostou por incrementar a súa competitividade “cunha especial atención ao comercio de proximidade”. Para iso, fomentaranse as unións de comerciantes, tanto a través dos centros comerciais abertos como das prazas de abastos, e crearase unha rede de mercados excelentes galegos caracterizados pola súa calidade, proximidade e servizo.

Un financiamento transversal

“A actuación nos cinco eixos estratéxicos –emprendemento, internacionalización, innovación, economía verde e comercio- virá acompañada de maneira transversal polo financiamento”, sinalou Conde, resaltando que a incentivación de investimentos e o efecto multiplicador na mobilización de créditos serán as grandes liñas a seguir por parte do Igape e de XesGalicia.

Deste xeito, en 2013 mobilizaranse máis de 200 millóns de euros mediante préstamos para investimentos e outros 60 millóns en operacións de financiamento de circulante e exportacións. Ademais, impulsaranse grandes investimentos empresariais a través de liñas de subvencións que mobilizarán outros 100 millóns de euros.

Sobre esta base, Conde resaltou a necesidade de xerar confianza para acadar os retos marcados, ofrecendo a posibilidade de traballar conxuntamente e con responsabilidade para recuperar o dinamismo económico. “A confianza é clave para o crecemento. É tarefa dos políticos propiciar ese clima. Temos un plan para Galicia que pasa pola redefinición do noso modelo produtivo: abordémolo xuntos, con achegas de todos”, concluíu.