Conde salienta a alta participación no Innterconecta II con 524 empresas e 119 proxectos presentados

2013-04-09
  • A segunda convocatoria do programa impulsado pola Xunta e o CDTI mobilizará 150 millóns de euros en proxectos de innovación
  • Os proxectos presentados increméntanse case un 30% con respecto á pasada edición
  • O 70% das empresas que optan a Fondos do Innterconecta son pemes
  • Na súa primeira edición acadou 61,5 millóns de euros en 26 proxectos

Un total de 524 empresas, o 70% delas pemes, forman parte dos proxectos de innovación que optan á segunda fase do programa Feder- Innterconecta, cuxo prazo de solicitude vén de rematar cun total de 119 propostas presentadas “o que amosa a alta participación e o interese das empresas en Galicia por optar a fondos tecnolóxicos”, salientou hoxe o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde. O conselleiro destacou ademais o incremento de case un 30% no número de proxectos presentados con respecto á pasada edición.

Nos proxectos que se presentan á convocatoria, impulsada pola Xunta a través da Axencia Galega de Innovación en colaboración co Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI), inclúense 297 participacións de organismos de investigación, segundo os datos provisionais analizados polo CDTI. A porcentaxe de participación destes organismos con respecto ao presuposto total dos proxectos presentados elévase ao 19%, preto de catro puntos por riba da porcentaxe establecida como obrigatoria nas bases do programa, cofinanciado co Fondo Tecnolóxico.

A segunda edición do Innterconecta Galicia, que se enmarca na aposta da Xunta pola innovación como clave para mellorar a competitividade dos sectores produtivos galegos, está dotada con 75 millóns de euros, “cos que se prevé a mobilización en iniciativas de alto impacto para a comunidade dun total de 150 millóns entre investimento público e privado”, sinalou Conde.

“Isto permitirá superar o éxito da primeira edición, que se iniciou coa presentación de 92 proxectos, dos que resultaron aprobados 26”, apuntou o conselleiro, todos eles en áreas estratéxicas para a comunidade. Estas iniciativas implicaron a un total de 106 empresas, e supoñen a mobilización de 61,5 millóns de euros.

Os proxectos que resulten finalmente seleccionados nesta nova convocatoria do programa, que promove a colaboración entre as distintas administracións, o sector produtivo e os axentes de innovación, deberán ter un elevado compoñente tecnolóxico, potencial de internacionalización e contribuír á creación de emprego cualificado.

A achega da Xunta, que aporta un 20% das axudas, permite rebaixar de 5 millóns a 1,5 millóns o límite mínimo dos proxectos, dos que teñen que formar parte cando menos tres empresas de distinto tamaño e contar coa participación, nun mínimo do 15%, de organismos de investigación.