Conde avoga por aproveitar o crecemento de México para incrementar as relacións comerciais co país

2013-04-05
  • O conselleiro de Economía e Industria defende a innovación como chave para que as empresas eleven as súas exportacións ao país azteca
  • Cerca de 400 compañías galegas venderon os seus produtos en México durante 2012, a cifra máis alta da última década

O Conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, defendeu hoxe ante o Embaixador de México en España as vantaxes innovadoras das empresas galegas para optar aos novos proxectos de infraestruturas e servizos do país azteca. Durante a inauguración do Foro de Oportunidades de Negocio con México, organizado polo Igape e a Confederación de Empresarios de Galicia, Conde avogou por incrementar os fluxos comerciais entre Galicia e México e resaltou a confianza entre os dous países, que permitiu xerar unha activa diplomacia comercial.

O foro atraeu a decenas de empresarios e busca impulsar os intercambios entre as dúas beiras do Atlántico. Conde sinalou que, durante 2012, case 400 empresas galegas exportaron os seus produtos a México, a cifra máis alta da última década. Esas vendas supuxeron cerca de 160 millóns de euros. Precisamente co obxectivo de incrementar eses lazos comerciais, o Embaixador de México, Francisco Ramírez, presentou ante Conde e os empresarios asistentes ao foro as liñas mestras do novo Plan Nacional de Desenvolvemento de México. O programa prevé a construción de distintas obras públicas, e Conde insistiu nas vantaxes competitivas dos empresarios galegos para ser levalas a cabo.

Galicia, dixo, está á vangarda da innovación en numerosos sectores. “O noso obxectivo é que toda esa innovación, potenciada a través de centros tecnolóxicos postos ao servizo dos clústers, logre xerar economías de escala en materia de coñecemento”. Precisamente, Conde citou a innovación como unha das pontes que unen a Galicia e México, e resaltou os fortes lazos en materia cultural e económica.

Dentro dunha estratexia global para que Galicia saia fortalecida da actual coxuntura económica, Conde subliñou que a Xunta está a poñer varias ferramentas ao servizo da internacionalización das empresas. En concreto, sinalou programas como Primex, que xa apoiou a primeira saída ao estranxeiro de 250 empresas galegas; e a rede Pexga, que conta con catorce oficinas por todo o mundo que serven para fortalecer a diplomacia comercial galega e axudar ás empresas no seu desembarco en outros países.

Neste senso, cerca de 6.000 empresas galegas exportaron durante 2012, unha cifra clave para que a balanza comercial galega teña un superávit de 1.000 millóns de euros. Co obxecto de aumentar esa cifra, a Xunta incrementou este ano o seu presuposto para a internacionalización, dedicando 20 millóns a este reto.