Conde destaca á luguesa Innolact como referente de empresa nacida da innovación na universidade

2013-03-25
  • A compañía participa nun proxecto do programa Innterconecta que destina 2,7 millóns de euros á produción de alimentos para un envellecemento saudable
  • O conselleiro de Economía e Industria salienta que Innolact é un exemplo da estratexia da Xunta, que prioriza a transferencia de resultados da investigación á empresa
  • Conde anima a participar na segunda convocatoria do Innterconecta, en cuxa primeira edición a provincia forma parte de iniciativas que mobilizan 10 millóns

O conselleiro de Economía e Industria, visitou hoxe en Castro de Rei as instalacións de Innolact, que destacou como referente de empresa nacida da innovación na universidade. Francisco Conde asegurou que a compañía, nacida en 2006 como unha spin off da Universidade de Santiago de Compostela, é un exemplo da estratexia desenvolvida pola Xunta, na que a innovación se configura como un dos eixos principais para impulsar a mellora competitiva e a internacionalización do tecido empresarial, priorizando a transferencia de resultados da investigación nos centros de coñecemento á empresa.

Innolact é unha empresa cun forte carácter emprendedor que ten desenvolvido ata a data máis de 30 variedades diferentes de queixo, aplicando a I+D+i a un produto natural dentro dun segmento de grande importancia na zona. A empresa, que conta con profesionais altamente cualificados, cun 46% dos seus empregados titulados superiores, presenta cada ano 4 ou 5 produtos novos grazas á súa aposta constante pola innovación, que lle permite medrar no mercado internacional, exportando xa o 30 por cento da súa produción a 18 países do mundo.

Durante a visita a Innolact, Conde salientou a participación da compañía luguesa na primeira edición do programa Feder-Innterconecta, a través do cal, en colaboración con outras tres empresas, traballa nun proxecto para a fabricación dunha gama de alimentos para un envellecemento saudable que supón unha mobilización de preto de 2,7 millóns de euros.

Innolact está a traballar xa nun proxecto para optar á segunda convocatoria do programa, que se atopa aberta nestes momentos e na que o conselleiro animou a participar ao empresariado lucense. “A segunda fase susténtase no éxito acadado na primeira, na que empresas de Lugo participan en proxectos que mobilizan máis de 10 millóns de euros”, explicou.

Este programa permite que “as boas ideas se poidan converter nun proxecto innovador”, explicou o titular de Economía e Industria, quen destacou a aposta da Xunta polo Innterconecta, cuxa segunda convocatoria mobilizará en Galicia 150 millóns de euros. Deste xeito, apuntou Conde, Galicia é a comunidade que máis fondos dispón para a súa execución ao captar, grazas a súa solvencia, o 40% de todos os fondos tecnolóxicos destinados ao Innterconecta en España.

Neste sentido, e durante a visita que realizou as instalacións da empresa Innolact, Conde resaltou a importancia desta iniciativa que fomenta a cooperación para o desenvolvemento de proxectos innovadores, facilitando a transferencia de resultados da investigación á empresa.