Conde avoga pola cooperación para facer da lousa unha industria “á vangarda da innovación”

2013-03-19
  • O conselleiro de Economía visita a empresa Cupa para coñecer de preto unha nova maquinaria, impulsada polo Goberno galego e o Centro Tecnolóxico da Lousa, que reflicte o compromiso da Xunta por reducir ao máximo as emisións de po de sílice e mellorar a competitividade do sector
  • Salienta o esforzo das empresas de lousa nos ámbitos da innovación e a internacionalización como exemplo para outros sectores galegos
  • Aposta por reforzar as ventas no exterior dunha industria que representa cada ano o 60% das exportacións nacionais, o 50% da lousa a nivel mundial

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, subliñou hoxe a aposta do Goberno galego polo desenvolvemento de proxectos de cooperación entre empresas e institucións que permitan posicionar ao sector da lousa como unha “industria á vangarda da innovación”. “A cooperación é fundamental para avanzar e impulsar melloras nos distintos sectores; e o da lousa é un claro exemplo grazas á labor desempeñada polo Clúster en colaboración co Centro Tecnolóxico”, incidiu.

Esta colaboración, explicou Conde, ten permitido desenvolver proxectos como o da nova máquina de cortar lousa sen emisións de po de sílice, ubicada nas instalacións do Grupo Cupa en Carballeda de Valdeorras. Esta máquina, impulsada pola Xunta a través do Centro Tecnolóxico da Lousa, reflicte o compromiso do Goberno galego por intentar reducir ao máximo as emisións de po de sílice. Así mesmo, permitirá mellorar na prevención de riscos laborais diminuíndo os ruídos, ao tempo que “incrementa a competitividade empresarial a través da innovación”.

“Nos últimos anos temos destinado preto de 3 millóns de euros á diminución dos riscos laborais e á mellora da competitividade do sector”, resaltou Conde, quen subliñou, tamén, a importancia do novo proxecto no ámbito da innovación. Así, a máquina reforza o modelo competitivo do sector, aumentando a rendibilidade das empresas ao incorporar un novo corte de lousa que dota ao produto dun maior valor engadido.

Así mesmo, e como explicou Conde, a través da innovación refórzase a internacionalización, outro dos aspectos clave para o sector. “Esta industria exporta cada ano máis do 90% da súa produción”, subliñou o conselleiro, factor que permite que as exportacións galegas de lousa representan o 60% do total nacional, porcentaxe que supón un 50% da lousa consumida a nivel mundial.

Neste sentido, Conde resaltou que o Goberno galego “apoia, e seguira apoiando” ao sector na súa internacionalización, tanto a través de “misións directas no exterior como en misións en sentido inverso que poidan atraer diferentes clientes interesados nas vantaxes que ofrece este produto”.

Por outra banda, o conselleiro avanzou que a Xunta traballa nun novo Plan Renove de Lousa que permitirá diminuír o gasto enerxético na construción, facilitando ás familias a renovación das cubertas, e impulsando a mellora da competitividade dun sector que “se atopa á vangarda da nosa industria”.