A Xunta reforza a súa aposta pola biotecnoloxía impulsando novos proxectos innovadores

2013-02-10
  • Manuel Varela Rey resalta que o apoio do Goberno galego permitiu o ano pasado a posta en marcha de proxectos innovadores de alto impacto no sector liderados por empresas galegas
  • Lembra que, no marco das primeiras accións da Estratexia Estatal de Innovación (e2i) en Galicia, se activará un paquete de medidas para acelerar a creación e consolidación de novas empresas

A Consellería de Economía e Industria reforzará a súa aposta polo sector da biotecnoloxía impulsando durante este ano novos proxectos innovadores de alto impacto nesta industria. Así o destacou o director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela Rey, quen lembrou que o ano pasado o Goberno galego apoiou, a través das distintas ferramentas de impulso á innovación, o desenvolvemento de tres importantes proxectos liderados por empresas galegas.

Neste sentido, durante un almorzo informativo organizado polo Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga), Varela Rey apuntou que, no 2012, a través de XesGalicia, investíronse 1,6 millóns de euros con cargo ao Fondo i2C en proxectos liderados polas compañías biotecnolóxicas Keramat e Nanogap. Esta fórmula supón un sistema de apoio financeiro público-privado que aumenta a esixencia a nivel de resultados para as empresas e que reverte nas arcas públicas a través da participación nos beneficios.

Así mesmo, Varela Rey explicou que o programa Interconecta ten permitido apoiar con máis dun millón e medio de euros en 2012 un proxecto liderado pola biotecnolóxica galega CZ Veterinaria-Biofabri. Esta iniciativa conta coa participación de varias empresas e dúas universidades galegas e ten o ambicioso obxectivo de desenvolver a primeira vacina mundial contra a cistite.

Aceleradora de empresas

Por outra parte, Varela Rey lembrou que, no marco das primeiras accións da Estratexia Estatal de Innovación (e2i) en Galicia, se activará un paquete de medidas para acelerar a creación e consolidación de novas empresas en sectores emerxentes, entre os que se atopa a biotecnoloxía. O obxectivo destas medidas será, por un lado, prestar soporte á valorización dos resultados de investigación dos centros de coñecemento a través da posta en marcha de empresas específicas (spin-off) e, por outro, apoiar o nacemento de start-ups, é dicir, empresas de rápido crecemento con alto perfil innovador.