Búscanse empresas de toda Galicia que queiran practicar a innovación aberta

2013-02-06

Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole busca empresas de toda Galicia que queiran practicar a innovación aberta para invitalas a participar nun encontro de formato novidoso que, a través de estímulos sensoriais, permitirá aos asistentes interrelacionarse e compartir coñecementos e oportunidades para colaborar en proxectos innovadores.

O encontro forma parte do programa ‘5 Sentidos para Innovar’, que comezou en 2012 cunha primeira fase limitada ás 90 empresas e centros de coñecemento instalados na Tecnópole e que, ante o éxito colleitado, agora se abre a entidades de toda Galicia. A orixinal formulación dos encontros que centran a iniciativa mereceu o apoio da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt), que a apoia no marco do seu Programa de Fomento da Cultura Científica e da Innovación.

A dinámica do evento toma como argumento de partida que é preciso agudizar os cinco sentidos para innovar de forma colaborativa, o que á súa vez dá lugar a un ‘sexto sentido’ orientado especificamente á innovación. Para logralo, habilitarase unha sala polivalente con recursos novidosos e distribuído en cinco espazos, cada un deles especificamente ambientado para estimular cada un dos sentidos e fomentar o coñecemento mutuo entre as empresas participantes co obxectivo de identificar alianzas baseadas na innovación.

Os participantes poderán escoitar a experiencia de empresas de diferentes sectores no ámbito da innovación aberta, que implica que os procesos de innovación saian dos departamentos de I+D das empresas para dar lugar a dinámicas baseadas na colaboración. Esta fórmula estase a promover como unha solución en tempos de crise, xa que permite compartir os custos da innovación entre empresas sen quitar que os resultados lles permitan competir entre elas.

Nesta liña, responsables de Google, R e Galicia Mar Renovables expoñerán as súas experiencias e animarán aos asistentes a pensar diferente para innovar e ser máis competitivos. A eles sumaranse representantes de sete empresas da Tecnópole, que explicarán cales son as fortalezas das súas organizacións en termos de innovación e o que os diferencia para ser máis competitivos.

Por outra banda, plantexaranse retos por parte de expertos en innovación para estimular a creatividade por parte dos asistentes, que serán animados a presentar propostas de solución. Ademais, haberá un showroom no que as empresas da Tecnópole mostrarán os seus produtos máis innovadores ao resto de participantes procedentes doutros puntos de Galicia.

A inscrición ao evento é gratuíta e pode formalizarse xa en www.5sentidosparainnovar.com