A Xunta presenta á Comisión Europea as infraestruturas e as iniciativas de Galicia en tecnoloxías cuánticas

2026-11-12
  • A directora da Axencia expón en Bruxelas os obxectivos do Val europeo de innovación cuántica que lidera Galicia e que conectará entidades de nove países para impulsar estas tecnoloxías en Europa
  • Galicia presenta no Comité Europeo das Rexións as infraestruturas e os proxectos para converterse en referente neste ámbito no horizonte de 2030

Bruxelas, 12 de novembro de 2026.- A Xunta expón en Bruxelas as iniciativas que leva a cabo en tecnoloxías cuánticas co obxectivo de converter a Galicia en referente no horizonte de 2030. A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, participou nun encontro con Andreas Schwarz, xefe de gabinete da comisaria de Startups, Investigación e Innovación da Comisión Europea, Ekaterina Zaharieva, para presentar o Val europeo de innovación cuántica liderado por Galicia e financiado a través do programa Horizonte Europa, que conectará entidades de nove países para impulsar estas tecnoloxías. Carmen Cotelo asistiu tamén á reunión do Foro Participativo Dixital organizada polo Comité Europeo das Rexións, xunto con representantes doutras cidades e países, no que presentou as infraestruturas e os proxectos da comunidade galega no ámbito das deep tech.

No encontro con Andreas Schwarz interviron representantes dos once proxectos seleccionados no marco da iniciativa Vales Rexionais de Innovación, que expuxeron os obxectivos, resultados previstos, impacto potencial e ámbitos tecnolóxicos, así como as posibles sinerxías con outras iniciativas e políticas europeas, de cadanseu proxecto.

A directora da Axencia apuntou que o Val rexional de innovación en tecnoloxías cuánticas aspira a crear un ecosistema paneuropeo de innovación cuántica que conecte institucións públicas, clústeres, organismos de investigación e axentes industriais e impulsar así a capacidade europea para liderar a innovación nestas tecnoloxías profundas.

EQUIVALEMT (European Quantum Innovation Valleys as Strategic Emerging Technology), como así se chama o proxecto, conta cun orzamento total de 14,3 M€ ata 2031, cofinanciado pola Comisión Europea. O seu obxectivo principal é impulsar o desenvolvemento de aplicacións avanzadas e casos de uso de alto impacto das tecnoloxías cuánticas, aproveitando os avances acadados no ámbito das tecnoloxías cuánticas fundamentais.

Infraestruturas cuánticas e conexións con Europa

Por outra parte, na reunión do Comité Europeo das Rexións, Carmen Cotelo presentou as infraestruturas coas que conta a nosa comunidade, como os dous ordenadores cuánticos do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) e as capacidades do Polo galego de tecnoloxías cuánticas, que inclúe a 15 entidades, sete centros de coñecemento e máis de 140 investigadores traballando nesta área.