A Xunta apoia con máis de 1,5 M€ a cinco empresas tecnolóxicas que desenvolven produtos e servizos innovadores
2026-11-12
Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2026.- Santiago acolle ata mañá a “Quantum_Iber_IA International Conference 2026”, un encontro internacional centrado nos avances en intelixencia artificial e tecnoloxías cuánticas que reúne a expertos de Portugal, España e da UE. A directora da Axencia Galega de Innovación da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Carmen Cotelo, participou esta mañá na apertura da conferencia e apelou á cooperación interrexional para facer fronte aos desafíos de enorme complexidade que plantexan estas tecnoloxías que, por outra parte, están chamadas a transformar profundamente a nosa economía e a nosa sociedade e que serán determinantes na competitividade e soberanía tecnolóxica de Europa.
A directora da Axencia apuntou que “contamos con importantes capacidades científicas e tecnolóxicas que poden complementarse e xerar novas oportunidades”, en referencia aos territorios que participan no proxecto estratéxico transfronteirizo Interreg POCTEP Quantum_Iber_IA. Engadiu que esta cooperación “é esencial para gañar masa crítica, acadar unha maior proxección internacional e converter o coñecemento en solucións con impacto real”. Precisamente, o obxectivo deste proxecto, no que se enmarca este evento e que reúne a 17 entidades de España e Portugal, é impulsar a investigación e a innovación en intelixencia artificial e tecnoloxías cuánticas, así como favorecer a súa transferencia a distintos sectores.
Ademais, Cotelo expuxo a intención de Galicia de ir máis aló de dispor de infraestruturas avanzadas e participar activamente no seu desenvolvemento e transferencia ao tecido produtivo. Por último, a directora da Axencia sinalou que a combinación de ambas tecnoloxías, IA e cuántica, abre novas posibilidades para explorar solucións avanzadas.
Sobre o encontro
Este encontro, organizado polo Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), reúne a especialistas de distintas comunidades autónomas, Portugal e representantes de Europa para compartir resultados de investigación, presentar novos desenvolvementos e debater sobre o potencial destas tecnoloxías. Durante hoxe e mañá abordaranse liñas de traballo como os modelos de linguaxe, as redes neuronais, a aprendizaxe automática cuántica, os algoritmos de optimización, a simulación ou as comunicacións cuánticas. Entre os relatores invitados figuran representantes de HiTZ Zentroa (Centro de Tecnoloxías da Linguaxe) da Universidade do País Vasco e de Quantum Flagship, a iniciativa europea dedicada ás tecnoloxías cuánticas.
En canto ao programa do congreso, hoxe é o día da IA e da combinación cuántica. Ademais do relatorio convidado do director do HiTZ Zentroa (EHU), celebráronse tres sesións dedicadas á intelixencia artificial. Pola tarde, a sesión centrarase na combinación cuántica e IA, cunha visita ao CESGA e unha cea networking. Mañá, as comunicacións cuánticas ocupan o centro do programa. Tras o relatorio invitado de Quantum Flagship, ofreceranse dúas sesións completas sobre a distribución cuántica de claves.