A Xunta apoia con máis de 1,5 M€ a cinco empresas tecnolóxicas que desenvolven produtos e servizos innovadores
2026-11-12
Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2026.- A Xunta anima aos axentes do ecosistema galego de innovación a concorrer ás convocatorias europeas de I+D+i para 2027, centradas na industria e na dixitalización. A directora da Axencia Galega de Innovación da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Carmen Cotelo, e a directora de Planeamento e desenvolvemento rexional da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal (CCDR-N), Raquel Meira, inauguraron hoxe a xornada informativa sobre as novas convocatorias europeas de Horizonte Europa.
Carmen Cotelo animou ás entidades galegas e portuguesas a aproveitar esta oportunidade de financiamento, que dispón dun orzamento de máis de 637 M€ para as convocatorias de 2027. Cotelo destacou o interese destas axudas, pola importancia que teñen estes ámbitos para a competitividade das empresas e polas capacidades tecnolóxicas e industriais que compartimos na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
Esta xornada, organizada pola Xunta en colaboración co Centro para el Desarrollo Tecnológico y la Innovación (CDTI) e a CCDR-N do Norte de Portugal, contou coa participación dos Puntos Nacionais de Contacto do CDTI para os eidos dixital e industrial e co exemplo do estaleiro moañés Aister, que presentou como caso de éxito o seu proxecto Biosafire.
O acto enmárcase no Ciclo Europa da Axencia Galega de Innovación, unha serie de sesións informativas sobre oportunidades de financiamento europeo, e no proxecto transfronteirizo Interreg Poctep MAISRIS3T, que persegue aproveitar as capacidades complementarias de Galicia e Norte de Portugal para reforzar a colaboración en innovación na Eurorrexión, impulsar novos proxectos conxuntos e mellorar a captación de financiamento europeo.