Empresas e axentes da I+G+i poden acceder desde hoxe a servizos de asesoramento da factoría europea de IA

2026-11-03
  • Román Rodríguez mantén un primeiro encontro cos clústeres galegos para presentar a nova páxina web, xa a disposición de todos os interesados, as oportunidades que presenta 1HealthAI e recoller as necesidades do tecido empresarial
  • A Factoría ofrecerá ás pemes canles de acceso preferente aos recursos da Factoría, asesoramento personalizado, mentorías e formación adaptada para facilitar a incorporación da intelixencia artificial aos seus procesos

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2026.- O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, destacou hoxe que a as empresas e todos os axentes que conforman a I+G+i poden acceder desde hoxe á páxina web da Factoría Europea de Intelixencia Artificial 1HealthAI, desde a cal se prestará apoio e asesoramento a todos os interesados. Trátase dun novo espazo de información e apoio destinado a achegar esta infraestrutura ao conxunto de axentes, especialmente ás pequenas e medianas empresas e ás compañías innovadoras vinculadas ao ámbito One Health. A presentación da plataforma, que se pode consultar en https://1healthai.eu, tivo lugar durante unha xornada de traballo cos principais clústeres galegos, co obxectivo de dar a coñecer as oportunidades que ofrecerá esta iniciativa para o conxunto das empresas galegas.

O conselleiro de Ciencia, acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, subliñou a importancia de que a Factoría se converta nunha ferramenta útil para trasladar as capacidades da intelixencia artificial ao tecido produtivo, con independencia da dimensión das empresas. “Temos que conseguir que todos os recursos da fábrica cheguen ás pemes e que poidan traducirse en innovación, competitividade e novas oportunidades de negocio”, sinalou.

Un dos obxectivos da Factoría é precisamente facilitar que as empresas poidan acceder ás súas capacidades. Para iso, habilitaranse canles de acceso aos recursos da infraestrutura e ofrecerase acompañamento personalizado mediante mentorías, co fin de identificar oportunidades e orientar o desenvolvemento de solucións baseadas na IA. Ademais, todo este traballo tamén favorecerá a creación e o crecemento de startups especializadas en intelixencia artificial, facilitando así a chegada de novos proxectos innovadores ao mercado.

Diálogo co tecido empresarial galego

Este primeiro encontro serviu para presentar as posibilidades da Factoría, contrastar as necesidades e expectativas dos diferentes sectores e recoller propostas que contribúan a definir os futuros servizos e mecanismos de colaboración. Tamén se solicitou a implicación dos clústeres para identificar empresas cunha elevada madurez tecnolóxica e capacidade para empregar os recursos da infraestrutura desde as primeiras etapas do seu despregamento.

Na xornada participaron representantes dos principais clústeres e entidades empresariais galegas dos ámbitos da saúde, a biotecnoloxía, a alimentación, o mar, o medio ambiente e as tecnoloxías da información. En concreto, asistiron representantes do Clúster Saúde de Galicia (CSG), BIOGA, CLUSAGA, ANFACO-CYTMA, VIRATEC e o Clúster TIC, ademais de responsables do CESGA, DATAlife, Gradiant e das tres universidades públicas galegas.

Galicia na vangarda da IA

A Factoría 1HealthAI supón un investimento de 82 millóns de euros, cofinanciados a partes iguais pola Empresa Común Europea de Computación de Alto Rendemento (EuroHPC JU) e por España, a través do Ministerio e da Xunta de Galicia. Está liderada polo Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e coliderada polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), coa participación das tres universidades públicas galegas, o centro tecnolóxico Gradiant e o hub europeo de innovación dixital DATAlife, entre outros socios.

Trátase dunha das 19 Factorías de Intelixencia Artificial existentes en Europa e destaca pola súa especialización no enfoque One Health, que integra a saúde humana, animal e ambiental. Ademais, foi a terceira mellor valorada no conxunto das factorías concedidas nas tres convocatorias europeas e a segunda mellor puntuada na última delas.