Galicia participa na Feira Biospain 2026 para reforzar a unión de ciencia e industria e atraer investimento

2026-09-29
  • A delegación galega, conformada por entidades públicas e privadas, universidade e a Xunta, presenta en Bilbao as capacidades dun ecosistema que conecta ciencia, empresa, saúde, tecnoloxía e sectores produtivos
  • A nova Estratexia da Biotecnoloxía de Galicia 2026-2030 mobilizará máis de 800 millóns de euros para impulsar a transferencia de coñecemento, o escalado empresarial, o investimento e a internacionalización

Bilbao, 29 de setembro de 2026.- Galicia está presente na Feira Biospain 2026, que se celebra en Bilbao ata este xoves, co obxectivo de reforzar o traballo conxunto de ciencia e industria e atraer investimento e novos proxectos. A directora da Axencia Galega de Innovación da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Carmen Cotelo, participou onte pola tarde no evento previo organizado pola delegación galega no marco da feira Biospain 2026, unha das principais citas do sector biotecnolóxico europeo.

O encontro específico para Galicia, que tivo lugar no Museo Marítimo en Bilbao e no que interviron tamén representantes dos clústeres Bioga, do clúster vasco de saúde e do GOe Tech Center Basque Culinary Center, reuniu a axentes dos ecosistemas vasco e galego, así como doutras rexións, co obxectivo de establecer contactos e abrir novas oportunidades de colaboración entre empresas, centros de coñecemento, institucións e investidores.

A directora da Axencia apuntou que Biospain 2026 coincide coa recente posta en marcha da Estratexia de Biotecnoloxía en Galicia 2026-2030, que prevé mobilizar máis de 800M€, co obxectivo de transformar todas as capacidades que se foron creando nos últimos anos en maior impacto en termos de transferencia de coñecemento, escalado de empresas, investimento, talento e presenza internacional.

Para acadalo, Galicia conta cunha cadea de valor que abrangue desde a investigación e a transferencia tecnolóxica ata a creación de empresas, o financiamento e a implantación industrial. A estas capacidades súmase un tecido produtivo no que a innovación biotecnolóxica pode atopar aplicación en sectores como o mar-industria, a alimentación, o forestal, a xestión da auga e dos residuos, a economía circular ou a descarbonización.

Entre os activos nesta nova etapa, Cotelo destacou a factoría europea de intelixencia artificial 1HealthAI, que albergará o Centro de Supercomputación de Galicia e a única centrada no enfoque One Health. Cun investimento de 82 millóns de euros, esta infraestrutura conecta biotecnoloxía, intelixencia artificial, supercomputación e datos avanzados e permitirá ofrecer novas capacidades a empresas, centros de investigación e axentes do sistema sanitario.

Delegación galega

Nesta edición, a delegación galega está integrada por 14 entidades, entre fundacións de investigación sanitaria, agrupacións industriais, as tres universidades públicas galegas, representantes do tecido empresarial e a Xunta de Galicia. Ao longo da celebración de Biospain, as entidades da delegación manterán reunións con empresas, investidores, centros de coñecemento e outros axentes nacionais e internacionais co obxectivo de dar a coñecer proxectos e capacidades galegas, establecer novos contactos e explorar oportunidades de colaboración, investimento, transferencia de coñecemento e desenvolvemento de novos proxectos.

A presenza galega en Biospain representa un modelo de cooperación que conecta administracións, universidades, centros de investigación, fundacións sanitarias, centros tecnolóxicos, clústeres e empresas arredor dunha estratexia común. O ecosistema biotecnolóxico reúne a máis de 160 entidades activas en biotecnoloxía e capacidades especializadas en ámbitos como a saúde e a biomedicina, a alimentación, os recursos mariños, a bioeconomía ou as aplicacións industriais e ambientais da biotecnoloxía.

A participación en Biospain busca, deste xeito, atraer investimento e talento, conectar empresas e capacidades científicas, impulsar novos proxectos nacionais e europeos e reforzar o posicionamento internacional de Galicia, favorecendo que novas compañías e iniciativas poidan desenvolverse, industrializarse e competir internacionalmente desde a comunidade.

Biospain 2026, evento de referencia do sector en Europa, celebra a súa 13ª edición. En 2025 congregou 2.400 profesionais de 1.065 entidades de 34 países, así como 140 investidores de 75 entidades de investimento e facilitou preto de 4.500 reunións bilaterais.