Galicia participa na Feira Biospain 2026 para reforzar a unión de ciencia e industria e atraer investimento
2026-09-29
Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2026.- Galicia acolleu hoxe o ERC Proposal Reading Day, unha sesión dirixida a investigadores interesados en optar ás axudas máis prestixiosas de Europa, as que concede o Consello Europeo de Investigación (ERC). Máis de 40 investigadores do noso ecosistema de I+G+i participaron neste encontro, no que puideron ler e consultar propostas de proxectos gañadores en convocatorias anteriores, o que lles servirá de base para elaborar as súas futuras propostas. A Fundación Española para la Ciencia y la Tecnoloxía (FECYT) e a Xunta de Galicia colaboraron para a celebración deste encontro.
A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, animou aos investigadores a presentarse a estas axudas europeas para poder levar a cabo proxectos punteiros desde a nosa Comunidade e contribuír así ao fortalecemento da I+G+i.
Galicia experimentou un crecemento exponencial no número de candidaturas presentadas ao ERC nos últimos anos. Así, mentres que en 2023 se rexistraron 23 propostas, a cifra ascendeu a 43 en 2024 e acadou as 54 en 2025. Ademais, na convocatoria ERC 2026, e á espera do peche da convocatoria de Proof of Concept, xa se teñen presentado 67 candidaturas. Estes datos amosan o crecente interese da comunidade científica galega e o potencial do ecosistema galego de investigación.
Este incremento da participación veu acompañado tamén dunha mellora dos resultados. O ano 2025 foi o mellor para Galicia desde a creación do ERC. Con 11 axudas concedidas nas distintas modalidades do programa, a comunidade situouse na terceira posición estatal, só por detrás de Cataluña e Madrid.
Apoio do Programa Oportunius
A este avance contribúe o Programa Oportunius, a principal iniciativa da Xunta de Galicia para a retención, captación, retorno e atracción de persoal investigador excelente. O programa está dirixido a profesionais que desexen desenvolver a súa carreira científica en Galicia, contribuíndo a reforzar as oportunidades de acceso aos programas do ERC e ampliando os beneficios asociados a estas prestixiosas axudas.
Entre outras cuestións, Oportunius ofrece apoio especializado que se concreta na realización de actividades formativas para a preparación de propostas ERC, servizos de análise de prepropostas, servizos de asesoramento e revisión de propostas. Desde a posta en marcha do programa en 2014, revisáronse máis de 331 candidaturas e desenvolvéronse 32 accións formativas nas que participaron máis de 800 investigadoras e investigadores. Só en 2026, Oportunius prestou xa máis de 50 servizos de revisión de prepropostas, 25 servizos de asesoramento para a preparación de propostas e 12 servizos de apoio na fase final de entrevista.