A nova spinoff TraffikGene, apoiada polo programa Ignicia da Xunta, lanza a súa tecnoloxía vinculada á innovación na saúde
2026-07-17
Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2026.- A Xunta celebra a innovación con impacto do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), como mostran as tecnoloxías listas para ser transferidas á industria e á sociedade presentadas hoxe. A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, salienta a capacidade deste centro que forma parte da rede de excelencia da Xunta (Rede CIGUS) para pasar da investigación á aplicación real do coñecemento, sendo un piar da nosa I+G+i e un exemplo de como o investimento público se traduce en resultados reais.
Na xornada Inside the Lab o CiTIUS, centro referente en investigación da intelixencia artificial, mostrou as súas capacidades tecnolóxicas ante axentes do tecido empresarial: desde asistentes conversacionais a modelos de IA de visión-linguaxe, brazos robóticos ou monitorización para guiar a estimulación cognitiva. Este centro da Rede CIGUS presentou nesta décima edición de Inside the Lab dous novos proxectos innovadores para os sectores loxístico e industrial financiados pola Xunta de Galicia no marco do programa Nexos 2025, que contan con fondos europeos.
O apoio da Xunta de Galicia a este centro supera os 6 M€, que contribúen á cobertura de máis de 100 investigadores que desenvolven inciativas como o Proxecto Nós, traballos arredor da monitorización preditiva e causalidade para rehabilitación cardíaca, da predición da calidade do aire ou da transferencia baseada na cooperación co sector industrial a partir de resultados científicos.
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP salienta tamén a contribución do CiTIUS aos retos da nosa Comunidade en materia de ciencia, contando co apoio do director científico deste centro, Senén Barro, no Consello Asesor en Investigación e Innovación de Galicia, órgano que presta asesoría para a elaboración da nova Lei de Ciencia. Ademais, unha spinoff nacida co CiTIUS, InVerbis Analytics, foi destacada nos Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia co premio Fernando Calvet Prats (2023), empresa que desenvolve software de IA para analizar e optimizar procesos empresariais a partir de datos.
En canto ao Plan Compementario de Comunicacións Cuánticas, que contou cun orzamento total de 9,6 M€, o CiTIUS participou como unha das entidades executoras, xunto co Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) e o Laboratorio de Investigación en Materiais Cuánticos e Fotónica.
Demostradores e 2 spinoff
A xornada de hoxe contou tamén coa spinoff máis lonxeva do CiTIUS, Situm, que mostra como os proxectos Leditia e Xesta reforzan a innovación en ámbitos como os xemelgos dixitais, a intelixencia xeoespacial, a trazabilidade operativa, a visualización avanzada de datos e a xestión intelixente de procesos.
Por outro lado, a spinoff máis recente do CiTIUS, energHius, no ámbito das tecnoloxías sostibles, é unha nova compañía de base tecnolóxica que se serve da tecnoloxía Nanostart para capturar pequenas cantidades de enerxía ambiental, facilitando así unha nova xeración de dispositivos para o internet das cousas (IoT), ultra pequenos e sen batería.
Durante a xornada presentáronse distintos demostradores tecnolóxicos desenvolvidos no centro como PISTIS, un asistente conversacional que constrúe sistemas intelixentes; iRead4Skills, sistema multilingüe con fins educativos que permite clasificar textos segundo a súa complexidade ou Xogamos, que incorpora modelos de IA de visión e linguaxe que se utilizan en actividades de estimulación cognitiva, analizando as súas potencialidades e os posibles riscos en centros de día e contornas lúdicas para persoas con necesidades especiais.
No ámbito social, AffeX 2.0 e CogniGames buscan coidar o benestar emocional e cognitivo mediante xogos e WatchTowers monitoriza e analiza en tempo real medios dixitais, noticias e redes sociais.