A Xunta destaca a súa aposta polas tecnoloxías avanzadas nun encontro sobre políticas públicas para a ciencia en Cantabria

2026-07-08
  • A nova Estratexia de Biotecnoloxía de Galicia 2026-2030, a liña de comunicacións cuánticas entre Santiago e Vigo que agora se amplía a Portugal, o novo Cesga ou a factoría europea de IA 1HealthAI son fitos que sitúan a Galicia á vangarda
  • A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, explica os factores que contribúen a un ecosistema de I+G+i cohesionado e a aposta do executivo por tecnoloxías disruptivas como a cuántica, a IA ou a biotecnoloxía

Santander, 8 de xullo de 2026.- A Xunta destacou hoxe a súa aposta polas tecnoloxías avanzadas nun encontro en Cantabria sobre políticas públicas para a ciencia. A nova Estratexia de Biotecnoloxía de Galicia 2026-2030, a liña de comunicacións cuánticas entre Santiago e Vigo que agora se amplía a Portugal, o novo Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) ou a instalación europea de IA 1HealthAI son fitos que sitúan a nosa Comunidade á vangarda. A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, participou esta tarde na Mesa redonda institucional autonómica: la investigación en el territorio, no marco do curso Políticas públicas para la ciencia y retos científicos.

A directora da Axencia Galega de Innovación explicou que o alto grao de conexión entre empresas, universidades e centros tecnolóxicos en Galicia é o resultado dunha longa traxectoria de impulso á colaboración a través de instrumentos orientados a reforzar as capacidades dos centros de coñecemento e a apoiar proxectos colaborativos. Na mesa, na que tamén interviron o conselleiro de Ciencia, Empresas, Formación e Emprego do Principado de Asturias e a directora xeral de Investigación e Innovación Tecnolóxica na Comunidade Autónoma de Madrid, púxose en valor o nivel de colaboración entre os distintos axentes do ecosistema de I+G+i e a aposta de Galicia pola tecnoloxía cuántica ou a biotecnoloxía, ao tempo que se mantén o apoio a sectores máis tradicionais.

Por outra banda, Cotelo informou nesta xornada do curso organizado polo Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e a Universidad Internacional Menéndez Pelayo en Santander de que a aposta da Xunta de Galicia por tecnoloxías avanzadas como a cuántica, a IA ou a biotecnoloxía se fundamenta no seu potencial para impulsar unha transformación profunda, acadar impacto económico relevante no tecido produtivo galego e contribuír ao avance da I+D+i. No entanto, esta aposta de Galicia por tecnoloxías disruptivas convive co apoio á modernización de sectores máis tradicionais a través da innovación, en liña cos retos da Estratexia de especialización intelixente de Galicia. Entre os instrumentos que permiten relacionar ambas prioridades atópanse Nexos ou Unidades Mixtas de Investigación, no ámbito do impulso a proxectos en colaboración; Oportunius, no eido da retención e captación de talento excelente, e Ignicia, no ámbito da transferencia de coñecemento.

Por último, a directora da Axencia destacou o papel decisivo que xoga o CSIC como principal institución científica de España e aliado estratéxico da Xunta en proxectos como o novo Cesga ou a instalación da factoría europea de IA 1HealthAI en Galicia.